RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Fabril contra Oviedo Vetusta, o mellor partido agora mesmo en Segunda Federación, este sábado ás 16:00 no campo Arsenio Iglesias

O Fabril e o Oviedo Vetusta protagonizan este sábado 25 de outubro ás 16:00 (YouTube RC Deportivo) o mellor partido que se pode presenciar agora mesmo no grupo 1º de Segunda Federación.

O líder do grupo, con 19 puntos de 21 posibles, recibe ao segundo, con 15 puntos. Son os dous únicos equipos que non coñecen a derrota.

"Preocúpame que teñen bos xogadores, igual que nós. E supoño que eles tamén estarán preocupados", subliñou Manuel Pablo na sala de prensa do Dépor Training Center.

No filial deportivista é baixa por lesión Noé. "Tivo unha escordadura bastante forte. Tentouse probar o mércores pero aínda está moi recente e non vai chegar. Esperemos que nunhas semanas estea ben", apuntou o técnico fabrilista, que confirmou as baixas tamén de Hugo Torres, Manu Ferreiro, Rubén "e o que pode levar o primeiro equipo".

O Fabril chega ao choque após o empate sen goles da pasada fin de semana no campo de Las Callejas fronte ao CD Lealtad.

O preparador deportivista indica respecto dese encontro que "eles competiron moi ben nun bloque moi baixo. Faltounos chegar a situacións de ataque. Tivemos unha moi clara na primeira parte e outra no segunda pero custounos abrir esas situacións. Non nos atopamos un rival así e teremos que traballar ante situacións de bloque tan baixo".

Pola súa banda, o Oviedo Vetusta preséntase no campo Arsenio Iglesias após empatar (1-1) en casa co Marino de Luanco.

Lonxe do Requexón esta temporada os carbayones gañaron á UD Sámano (0-2); e empatou co Coruxo FC (2-2) e Real Ávila CF (1-1).

O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar a bancada e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición das localidades nun proceso 100 % telemático.

Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. 

O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.