RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Fernando Soriano: "Temos que dar máis aínda ao que demos até agora"

Fernando Soriano compareceu esta mañá na sala de prensa do Dépor Training Center concluído o mercado invernal de fichaxes.

Lembrou a "igualdade que se vive nesta Segunda División. Hai que estar preparados para o que chegue a partir de agora. A medida que vai chegando o final a tensión, a esixencia e a marxe de erro é cada vez menor. Os erros páganse".

Insiste en "ir día a día. Temos que dar máis aínda ao que demos até agora. Co que demos até agora chéganos para o que nos chega. Queremos estar o máis arriba posible como se demostra en cada partido, en cada adestramento. Esa ten que ser nosa mentalidade".

Conclúe que "chegaremos até onde se poida coa máxima ilusión, co apoio de #ANOSAFORZA, que xa se viu en Léon e que aquí en ABANCA-RIAZOR é incondicional. É unha das bazas ás que nos temos que agarrar".

Estas foron algunhas das súas frases:

Central
"En ningún momento expomos ningún cambio. Temos 4 centrais máis a opción de Ximo, máis Samu".

Outras posicións para reforzar
"Estamos a investir moito no Dépor Training Center, tentando formar aos nosos xogadores. E temos 2, 3, 4 xogadores aí abaixo fantásticos. Se Riki non se chega a dar non tivésemos ningún medo para que Noé estivese a pelexar por esa posición como o está facendo".

"Vexo a Bil, a Noé, a Samu, a Mane, a Estévez... a  moita xente que adestran co primeiro equipo e moitas veces é cuestión de dar ese paso".

Dianteira
"Valoráronse diferentes nomes máis por precaución que por necesidade agora mesmo".

"Hai unha cousa que debemos mellorar que é a porcentaxe de acerto. Estamos a ter ocasións en moitos partidos moi claras e, polo que sexa, non estamos con ese acerto que noutros partidos, sen merecelo tanto, faciamos gol con máis facilidade. Confiamos nos dianteiros que temos, máis que nos dianteiros no equipo cando ataca. Todos son responsables de facer gol".

Rubén López
"En ningún momento o nome de Rubén apareceu en ningunha negociación polo traspaso de Riki. É certo que o Albacete estaba a buscar un pivote e estiveron a valorar moi seriamente a incorporación de Rubén, igual que outro equipo de Segunda, igual que numerosos equipos de Primera RFEF. Viamos que estaba a xogar poucos minutos. A aparición de Noé estaba a restarlle protagonismo. Viamos que a forma de crecer é que disputase minutos fóra. Foi Pontevedra o sitio que elixiu el. Foi unha decisión persoal. Nós por suposto apoiamos".

Saídas
"Houbo ofertas en firme".

Cristian Herrera e Gragera
"Se me preguntas se el Dépor convidou a saír a Cristian. Non. E a Gragera o mesmo".

"Teñen moi boa actitude. Moi bos mozos dentro do grupo, que apoian cando teñen que apoiar. Que están tristes cando non xogan? Claro, pero sempre pon ao equipo por encima dos seus intereses privados".

Grao de satisfacción co mercado de inverno
"Estou convencido que acertamos pero hai que esperar que os xogadores se axusten, que rendan. Álvaro e Alti están a achegarnos cousas positivas. Aumentamos a competencia en todas as liñas do equipo. E esa é a idea, subir a esixencia do día a día para que o equipo renda un pouco máis e soñar con estar máis arriba".

Martín Ochoa e Diego Gómez
"Había unha posibilidade de que Bil empezase de forma máis clara co primeiro equipo. Entón quedaría unha vacante no Fabril. Nese caso contemplabamos a opción de Martín, que non estaba a ter os minutos desexados no Arenteiro. Ao non haber ningunha saída no primeiro equipo, Bil vai estar a compaxinar primeiro equipo e Fabril. Dipanda está practicamente recuperado e íase a incorporar á rutina. Cremos que non era necesario reforzar esa parcela no Fabril. E máis vendo o resultado e o rendemento doutros xogadores como Domínguez".

"Os cambios de equipos foron peticións persoais, que non se atopaban a gusto no sitio onde estaban. Nós viamos que estaban a perder protagonismo. Unha decisión buscando a súa progresión".

"A idea é que os rapaces crezan e sexan opcións para o Deportivo do futuro".

Ascenso directo
"Temos que tentar chegar o máis arriba posible faltando 4, 5, 6 semanas; que é onde empezan as finais e onde non queda marxe de erro".

Ofertas por Yeremay, Mella...
"En ningún momento houbo algo tan serio como no verán. Houbo proximidades de clubs, ofertas..."

"A última hora si houbo un movemento dun Club de Primera División que tivo un achegamento pero vimos que non ía xerar moito ruído". 

Mellores números fóra de ABANCA-RIAZOR
"A principio de temporada os números en casa estaban a ser moi bos. Até o partido do CD Castellón eramos o 2º mellor equipo. A partir dese momento perdes contra o CD Castellón, Real Sociedad B, Real Racing Club; e empatas co Cádiz CF. Dos últimos 4 perdemos 3 e empatamos 1. Fóra de casa somos un equipo que transita moi ben. En casa normalmente tes que levar máis protagonismo. Fóra permíteche estar máis esperando e xogar ás dúas cousas. Somos versátiles niso. Ter confianza en que lle imos a dar a vueta a ABANCA-RIAZOR. ANOSAFORZA meréceo".