RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Finalizacións, tarefa táctica e estratexia nun Dépor "crendo moito no que estamos a facer"

O Dépor completou esta fría mañá de xoves 27 de novembro unha nova sesión de adestramento no campo 3 do Dépor Training Center.

Antonio Hidalgo dispuxo, após unha activación con rondos e unha tarefa de finalizacións no campo 2, un exercicio táctico no campo 3 con ensaio de accións de estratexia orientados ao partido deste sábado 29 de novembro ás 18:30 (LaLiga TV Hypermotion, GOL, TEN e TVG) ante o Albacete Balompié no Carlos Belmonte.

Germán Parreño explicou na sala de prensa do Dépor Training Center que "estamos a traballar o saber que o defensor que teño diante vai tapar un sitio ou outro; e o porteiro saber que está a tapar, que non. Todo iso trabállase, vense facendo".

Presume de contar con "unha defensa espectacular. Mire onde mire hai un nivel espectacular. É normal que o que chegue sexa 'sucio', que é a intención, que che tiren cantas menos veces mellor e que cando finalicen sexa o máis 'sucio' posible".

Nesta liña, sostén que "estamos a traballar moi forte e centrándonos no día a día, que é o máis importante".

O porteiro deportivista insiste en que "estamos fixos no traballo, centrados no traballo, crendo moito no que estamos a facer. Todos concentrados e metidos no día a día, no que toca".

Están con adestramento personalizado Ximo Navarro, Escudero, Daniel Bachmann e Luismi Cruz.

Lucas Noubi completou a primeira parte co grupo e, tal e como estaba previsto polos Servizos Médicos que dirixe Alejandro Mejuto, pasou a continuación a tarefas específicas co readaptador, Nando Rodríguez.

Germán ve ao defensor belga "ben. Falando con el ten boas sensacións"; e de Luismi fala de "unha pequena lesión e a ver o tempo que vai estar recuperándose. Non creo que sexa moito".

Hugo Ríos, Samu, Íker Vidal, Damián Canedo e Nájera foron os representantes de #ANOSACANTEIRA.

Este venres 28, Os Nosos adiantan a hora do adestramento, que comezará no céspede finalmente ás 10:00 porque ao concluír, o equipo parte de viaxe a Albacete, vía Madrid.