RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Fran Alonso: "Temos que levantarnos, temos que afrontar este partido con confianza"

Fran Alonso manifestou na sala de prensa do Dépor Training Center que considera o partido ante o Levante UD deste venres 14 de novembro ás 19:30 (Dazn) en ABANCA-RIAZOR como "unha final. Debemos dar o 100% para tentar gañar".

Do partido da pasada fin de semana ante o FC Barcelona indica que "a primeira parte non estivemos á altura que debemos de estar. Foi un pau moi duro. Fixemos correccións e a segunda parte non foi tan desastrosa".

O técnico deportivista lembrou que o Barça, "de 10 partidos meteron 8 goles en 3 ocasións. Ao campéon alemán (Bayern Munich) metéronlle 7. É un rival que como teña o día son moi, moi superiores. Entón tampouco podemos fustigarnos. Temos que levantarnos, temos que afrontar este partido con confianza porque en realidade o traballo que están a facer as xogadoras é bo".

Subliña que "estamos a un clic de empezar a crecer e de empezar a conseguir resultados positivos".

Insiste en que no Estadi Johan Cruyff "non estivemos ben, non fomos nada agresivas, non cortamos carreiras, non chocamos, non fixemos apenas faltas no primeiro tempo. Tivemos un día para preparar o partido porque viñamos dunha semana con 3 partidos fóra. O Barcelona, que ademais tivo un toque de atención contra a Real Sociedad, tivo toda a semana para preparalo. Se ao nivel de cada cadro súmaslle isto, é moita vantaxe para un equipo que está noutro nivel".

A pesar diso, cre que "debemos de competir mellor. A reflexión empeza polo corpo técnico tamén. O importante é borrón e conta nova. É un partido que non nos define como grupo para nada".

O adestrador deportivista queda agora neste venres ante o Levante UD con "unha oportunidade na nosa casa nun partido que é de máxima importancia. Da maneira que o afrontou o grupo estou moi confiado de que imos xogar un bo partido e poder sacar os 3 puntos".

Do cambio de adestrador no conxunto granota apunta que "non sabemos se afai xogar defensa de 5, de 4. Tiñamos estudado ao rival pero imos centrarnos en nós porque non sabemos cantas cousas vai cambiar. Creo que a súa primeira sesión foi onte. Tampouco en 2 días podes cambiar moitísimas cousas. Xa veremos como afecta".

Iso si, advirte que "sempre que hai un cambio de adestrador nun equipo hai ese plus de motivación porque todo o mundo ve unha oportunidade de xogar. E normalmente a xente está moi enchufada. Entón esperámonos un equipo con moitísima intensidade, con moitísimas ganas pero nós tamén as temos".