RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Fran Alonso ve ao seu equipo "crecendo" e lembra que "queda moitísimo, toda unha segunda volta"

Fran Alonso asegurou na sala de prensa de Abegondo que na Cidade Deportiva Luis del Sol ante o Real Betis Féminas este domingo 26 de xaneiro ás 16:00 (Dazn) hai "3 puntos que queremos, 3 puntos que imos loitar por conseguir. Esta semana é un pouquiño especial porque vimos de gañar, de competir moi ben en ABANCA-RIAZOR ante #ANOSAFORZA".

O técnico deportivista lembra que "queda moitísimo, toda unha segunda volta. O que si creo é que estamos a crecer, estamos a competir moi ben, incluso os partidos que ao final perdemos contundentemente ao descanso fomos gañando nos dous últimos. Ou sexa, o equipo está a crecer, é importante. Fixámonos en nós mesmos, queremos gañar todos os partidos. Non o imos a facer, pero ímolo a tentar".

Insiste en que "todo o que pensamos é no Betis Féminas. Se seguimos xogando como estamos a xogar e competindo como estamos a competir temos posibilidades de traer algo positivo".

Rememora o triunfo do pasado venres en ABANCA-RIAZOR ante o Levante UD: "Foi a primeira vitoria desde que estamos xuntos en ABANCA-RIAZOR, ante os nosos afeccionados, contra un rival que se lle gañabamos temporalmente saïamos do descenso, que psicoloxicamente é algo que nos pode vir moi ben".

Explica que "na vitoria é cando me gusta ser máis crítico, porque sei que non lles vai a afectar tanto animicamente. Entón foi unha semana de moita corrección. Púxose un vídeo pospartido un pouco máis crítico que se cadra non se fai cando se perde. Cando se perde o máis importante é recuperar ese estado anímico para asegurarche que poidas competir no seguinte partido".

Do Betis Féminas, Fran Alonso destaca que "ten moito talento sobre todo na zona de ataque, no centro do campo, con xogadoras moi creativas, con moita experiencia. É un equipo moi perigoso. Se queremos traernos algo de Sevilla e os 3 puntos, que é o que nos encantaría, temos que dar o noso mellor nivel".

Por conseguinte, espera "un partido moi difícil. Veñen dunha derrota dura no derbi e van querer darlle unha alegría á súa afección. Vano a dar todo, así que nós temos que estar polo menos a ese nivel se queremos traernos algo positivo".

Finalmente, define á dianteira Blessing Nkor, a recente incorporación no mercado de inverno, como unha futbolista "súper potente, moi forte. É rapidísima, internacional sénior absoluta con Nixeria. Vimos o partido contra Francia e a verdade é que nos gustou. O partido de Tenerife, que o temos totalmente controlado ao descanso, no segundo tempo apértannos e se cadra non temos esa opción de atacar a profundidade cunha xogadora moi rápida. Agora iso dánolo cando xa estea. Aínda necesita traballar, necesita adaptarse e necesita coller forma".