RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
DÉPOR ABANCA A

Fran Alonso ve o triunfo ante o Levante UD como "un punto de inflexión. Desde aquí imos seguir crecendo, a seguir sumando"

Fran Alonso manifestou ao concluír o encontro ante o Levante UD que "tivemos ocasións moi claras. Estivemos bastante ben. Faltounos matar o partido. Ao final o máis importante son os 3 puntos, manter a portería a cero. Inês non tivo que facer unha parada en todo o partido. Iso acredita a seriedade, a profesionalidade das xogadoras, os esforzos que fixemos. Estou contento por poder volver gañar en ABANCA-RIAZOR".

O técnico deportivista cre que "fixemos un partido bastante intelixente. Non sufrimos, quitando ao final un pouco simplemente por non meter o segundo gol".

Está "contento porque despois do pau que nos levamos (en Barcelona) ver ao equipo competir como competiu, con enerxía, coa confianza que competiu me enorgullece. Non había dúbidas con este grupo".

Fran Alonso considera esta vitoria como "un punto de inflexión. Desde aquí imos seguir crecendo, a seguir sumando".

Insiste en que este triunfo "facía moitísima falta. O que ten máis mérito é facelo despois dunha semana durísima. Amamos o Club, amamos as cores, sentímolos. Unha derrota dura cústanos sobrepornos. O primeiro día de adestramento non foi moi bo. Víanse caras longas pero os dous últimos foron espectaculares. O equipo mostrou a súa unión, a confianza que temos o un no outro. Hoxe (por onte) despois dunha situación difícil o equipo xogou ben. Puidemos sentenciar o partido antes pero o xogo despregado é bo. Hai moito que mellorar por suposto e imos traballar para iso".

Conclúe que "este é o camiño e seguro que elas no campo gozaron moito".

Confesou Fran Alonso que a nivel persoal "cando non ganas se vive mal. Dóeme moito. Pasamos moitísimas horas, traballamos moitísimo, entregámonos moito ao proxecto, ás xogadoras; e cando non se consegue a vitoria é doloroso. O bo que ten o fútbol é que á semana seguinte dáche unha oportunidade para volver maquillar. Neste caso tivemos sorte de que o partido foi o venres. Queriamos xogar canto antes e viuse unhas xogadoras que estaban a desexar que chegase o partido. Desde o primeiro minuto mostramos fame, confianza, controlamos o partido e deixamos ao rival con 0 tiros a porta. Isto ten moito mérito, sobre todo despois do pau da fin de semana pasada".