RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Germán Parreño: "O que se centre máis no día a día, sen facer cábalas é o que máis rédito vai sacar ao seu traballo"

Germán Parreño manifestou na sala de prensa de Abegondo que 5 partidos consecutivos gañando (incluída a Copa del Rey) son "xeiras de equipos que se centran en cada adestro, en cada partido, en afrontar cada partido coma se fose unha final, sen pensar no anterior ou no posterior".

Así pois, o porteiro deportivista asegura que "estamos centrados ao 100% no partido de Albacete" deste sábado 29 de novembro ás 18:30 (LaLiga TV Hypermotion, GOL, TEN e TVG) no Estadio Carlos Belmonte.

Cumprido o primeiro terzo de campionato, e co Dépor na cabeza da táboa de LaLiga Hypermotion, advirte non obstante que "aínda queda bastante. Pode pasar de todo. É unha competición moi longa, moi difícil. O que se centre máis no seu traballo no día a día, sen facer cábalas, e máis a estas alturas, é o que máis rédito vai sacar ao seu traballo".

Vive desde a portería "con naturalidade e normalidade na categoría na que estamos" os momentos de abafo que pasa o equipo nos partidos, por exemplo a recta final ante o AD Ceuta FC o pasado domingo en ABANCA-RIAZOR: "Temos que estar cómodos na adversidade, saber sufrir eses momentos e é o que traballamos, sabendo que é o que hai".

O futbolista branquiazul espera en Albacete "un partido competido, difícil, sabendo que eles xeran moito. Acórdome alí no seu campo que foi difícil. Nós analizamos todo o que se pode analizar e traballamos todo o posible para levarnos os 3 puntos e sabendo que é un partido complicado, que nos van a pór as cousas moi difíciles".

Finalmente a nivel persoal, e titular en todos os partidos do que vai de liga, Germán confesa "estar a gozar e contento con poder axudar ao equipo. Estou contento, axudando en todo o que podo, como boamente fago sempre".