RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS13 ago 2024

Helton Leite fala na súa presentación dun proxecto óptimo e un club moi ben organizado

Helton Brant Aleixo Leite (Belo Horizante, Brasil, 2 de novembro de 1990) foi presentado esta mañá en Abegondo como novo xogador do Dépor para as dúas próximas temporadas.

En rolda de prensa, Fernando Soriano, Director Deportivo do Club, explicou que "a portería é a posición máis específica que hai no fútbol. Buscabamos características como as que ten Helton, que nos dese esa experiencia en fútbol dunha categoría superior ou que estivese en equipos importantes. Entre as opcións que hai, eu sempre a decisión compártoa, á parte de co míster neste caso con Alberto Casal (preparador de porteiros), e decidimos que el era unha posibilidade moi importante. Levabamos tempo vendo diferentes opcións e ao final dentro das negociacións que houbo puidemos chegar a un acordo con el e está aquí xa connosco".

O futbolista brasileiro asegurou que o seu obxectivo era "volver a Europa a un gran Club e a unha gran competición. Tiven a oportunidade de vir ao Dépor, sabía a historia do Club, moi respectado e coñecido en Brasil, con grandes xogadores brasileiros aquí. Por iso foi unha decisión moi fácil. É un Club moi ben organizado, cun proxecto óptimo. Estou feliz de estar aquí, de ser parte deste Club, deste proxecto".

Do Dépor destaca que nos seus 5 anos en Portugal coñece Galicia: "Estiven varias veces de visita. Entón coñezo a cultura, teño amigos de aquí. Cando tiven a oportunidade de vir, contactei con eles, pedinlles información de como era a cidade, o club, a vida aquí. Todas as persoas fálanme moi ben do Club, da historia do Club tamén. Sei que foi campión español, que ten moitos títulos no pasado, que o Club ten un proxecto como vén de Tercera División crecendo... Estou feliz de formar parte deste proxecto e de crecer co Club".

Comentou que as últimas horas "foron intensas. Estou moi contento de estar aquí. Vexo a calidade das instalacións, penso que realmente é un gran Club e que tomei a decisión correcta de vir a este proxecto".

Helton Leite apunta que, unha vez confirmada a súa saída do Antalyaspor, as últimas 3 semanas estivo en Portugal adestrando "e en Brasil tamén. Entón levo 5 semanas traballando cun adestrador de porteiros persoal. Estou preparado para o traballo que vou iniciar aquí. Veño ben. Estiven a analizar as posibilidades e neste momento da miña carreira quero un proxecto deportivo para competir a alto nivel, en Europa, nun sitio onde a miña familia estea ben. Coñecemos moito España e estamos felices de estar aquí".

Finalmente o novo porteiro deportivista, sobre si mesmo, lembra que "tiven a oportunidade de xogar 5 anos en Portugal, en 2 equipos distintos. Dous anos no Boavista, un equipo que defende moito; e 3 anos no Benfica, con dous grandes adestradores nos que tiven que xogar alto, axudar á defensa nos balóns en profundidade. Tamén estiven en Turquía con Nuri Sahin, que hoxe adestra ao Borussia Dortmund, e que quería xogar desde atrás coa pelota. Entón eu podo facer o tipo de xogo que o adestrador desexe".