RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Henar lembra que dependemos de nós. Non nos fixamos en nada máis

Henar Muiña foi a protagonista este mediodía na sala de prensa de Abegondo.

Subliña que "dependemos de nós. Non nos fixamos en nada máis. Estamos centradas no seguinte obxectivo, que é o partido do Athletic B e non pensamos en contas nin nada".

De feito a futbolista branquiazul insiste en que "pensamos en xornada a xornada. Queremos centrarnos no Athletic e non imos pensar en nada máis. Témolo preto, pero non temos nada feito".

Asegura que a semana de traballo na Cidade Deportiva transcorreu con tranquilidade, "con ganas de afrontar o partido que nos vén" en referencia á visita ao Athletic Club B prevista para este sábado 13 de abril ás 18:45 o campo 8 de Lezama.

Nesta liña explica que "non estamos a facer nada distinto ao que vimos facendo. Estamos onde estamos grazas ao que levamos facendo todo o ano. Si que é verdade que desde o que nos pasou estas 3 semanas somos máis conscientes das situacións do partido que se nos dan, dos momentos de partido nos que estamos. Non se nos poden escapar os resultados que se nos escaparon estas dúas últimas xornadas sobre todo. E somos máis conscientes. Irene insiste en que non pode pasar o que nos pasou e nós máis conscientes que nunca".

Lembra que "vimos dunha semana de parón, queremos resarcirnos das 3 últimas semanas. Estamos con ganas e con ilusión".

A centrocampista do Dépor ABANCA admite que "o que pasou o ano pasado doeunos moito. Temos moita ilusión. Queremos conseguilo canto antes e se puideramos conseguilo agora mesmo iriamos agora mesmo".

Do filial branquivermello, opina que "son xogadoras moi boas. Quizá poidan pecar desa mocidade, desa falta de madurez pero son un gran equipo. Aínda que estean descendidas xa non vai cambiar nada, tentarán gañar o partido e nós tentaremos que sexa o contrario".

É consciente que "as últimas xornadas son as máis difíciles. Entran cousas en xogo, hai máis nervios, un pouco máis de precipitación, ás veces excesivas ganas. Queremos xestionalo mellor, non o xestionamos ben estas últimas semanas, trataremos de xestionalo mellor as 3 semanas que quedan. Ilusión, ganas e imos a por iso".

Preguntado polo escenario do partido ante o CP Cacereño Femenino, de novo ABANCA-RIAZOR, o mediocentro deportivista indica "o Club fai un gran esforzo en deixarnos xogar alí e para nós é ilusionante, pero queremos centrarnos no que nos vén agora, que é o Athletic Club B e a por iso imos".

Finalmente, da súa renovación comenta Henar que "non é algo no que estea centrada agora. Estou moi agradecida co Club. Sinto como en casa. O Club aposta polo proxecto, pero non é algo no que estea centrada agora mesmo". "Teño boa relación co Club, no Club están contentos comigo e ao final iremos por camiños parellos", conclúe.