RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Hidalgo cre que "neste tramo estamos a facer moitísimas cousas ben" pero "ve marxe de mellora para poder seguir evolucionando"

Antonio Hidalgo, do mesmo xeito que onte Loureiro na sala de prensa do Dépor Training Center, pon "moito en valor o que estamos a facer. Neste tramo de liga estamos a facer moitísimas cousas ben. Temos marxe de mellora para poder seguir evolucionando como todos os equipos".

Pensa que despois de 5 triunfos consecutivos (incluído o de Copa), "as vitorias danche confianza para poder traballar con moita máis tranquilidade. A categoría diche que calquera equipo pode gañar a calquera. Hai unha igualdade máxima. Iso debémolo de ter en conta".

Subliña que "o obxectivo principal do ano era estar a pelexar entre os 6 primeiros e niso debémonos centrar".

Tamén pide o preparador branquiazul "darlle moito valor aos rivais aos que nos enfrontamos. Hai veces que pensamos que pode ser máis sinxelo do que é e calquera equipo está moi ben traballado, con xogadores de moitísimo talento. Hai que estar atentos sempre, tes que ter esa dose de humildade grande porque a categoría así cho pide. Hai que traballar moitísimo como están a facer os xogadores con e sen balón. Esa é a clave do equilibrio que temos agora mesmo".

O técnico deportivista insiste en que "todos os partidos van ser moi igualados. O Albacete Balompié leva moito tempo traballando con Alberto (o seu técnico), ten uns mecanismos moi traballados".

Explica que o rival do Dépor este sábado 29 de novembro ás 18:30 (LaLiga TV Hypermotion, GOL, TEN e TVG) no Estadio Carlos Belmonte "mete moita xente a última liña, saca moitos centros, os seus laterais son moi profundos, temos que estar moi atentos a esas situacións. Coñecémonos ben os dous adestradores".

Espera pois un "partido igualado da categoría. Temos que pelexar, sufrir, estar moi compactos, ser sólidos, como vimos sendo ultimamente".

En canto á posición da táboa, líder de LaLiga Hypermotion, opina que "é agora mesmo anecdótico. É ir situándose na clasificación por esas posicións que che dean dereito ao play off. E a partir de aí ir traballando cada día, vendo os rivais que nos van tocando cada semana e ir axustando situacións".