Intensa primeira xornada do RC Deportivo en Venezuela, con visitas ao Caracas FC e á Federación Venezolana
O RC Deportivo arrincou este martes 22 de abril unha nova e ambiciosa xira promocional, 'DÉ x Venezuela', após a levada a cabo recentemente en Brasil.
A expedición deportivista está encabezada pola vicepresidenta Michelle Clemente e o responsable da área internacional Alejandro Vidal.
A axenda deportivista comezou este martes 22 de abril coa visita ao Caracas FC, un dos grandes clubs de Venezuela.
A continuación, houbo recibimento na populosa Hermandad Gallega de Caracas.
O longo día concluíu cunha serie de reunións na sede da Federación Venezolana de Fútbol.
Este mércores 23 de abril a expedición deportivista visitará ao Deportivo La Guaira, reunirase con representantes da Hermandad de Maracaibo e asistirá ao encontro entre o Caracas FC e o Atlético Mineiro correspondente á Copa Suramericana, ademais dunha visita a BANESCO.
Un dos actos centrais da xira 'DÉ x Venezuela' terá lugar este domingo 27 de abril cunha festa na Hermandad Gallega de Caracas, coincidindo coa retransmisión do partido do Dépor en El Sardinero ante o Real Racing Club. Este evento contará coa colaboración de LaLiga. Haberá tamén sorteo de merchandising do Club e disputarase un partido amigable.
O RC Deportivo estreita así os lazos cun dos países americanos con maior comunidade galega, ademais de ser unha importante potencia futbolística tanto a nivel masculino como feminino, como o demostran as xogadoras venezolanas que militan (caso de Michi Apóstol) ou militaron no Dépor ABANCA (Oriana Altuve, Gaby, Michelle Romero, Kika...).