RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Jose Ángel: Favoritos (para o ascenso) hai uns cuantos, non só o Dépor

Jose Ángel foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

Subliñou que para o ascenso a Segunda División "favoritos hai uns cuantos, non só o Dépor, que é a primeira vez que se pon líder na categoría este ano. Hai outros equipos que tamén se puxeron e que son favoritos. Temos unha loita de varios equipos. Quedan 12 partidos aínda, queda moitísimo. O primeiro posto pode ir cambiando porque así se demostrou na liga, que está a ser moi competitiva. Hai que ter tranquilidade e imos tentar sacar 3 puntos esta fin de semana, que é o máis importante".

De feito, a experiencia dille ao futbolista andaluz que "hai que ser cauto e saber que cada semana cambia o panorama. Vimos dunha vitoria contra un grandísimo rival no que volves meter 4 goles e vaste moi contento, pero esta semana cambia todo e a semana seguinte cambiará outra vez todo. Cada partido é diferente, cada rival manexa as situacións de diferente maneira e nós temos que pensar en nós mesmos, seguir facendo o noso traballo e seguir alargando a xeira".

Cualifica o encontro do próximo domingo 10 de marzo ás 12:00 (TVG-2 e FEF TV) no Nou Estadi Costa Daurada ante o Nástic de Tarragona como "importante pola posición que ocupa na clasificación o rival pero é verdade que quedan moitísimas semanas e o importante é conseguir puntos como vimos facendo nesta dinámica. Xa cando queden poucos partidos si que é importante mirar a clasificación até ver onde está a cousa".

Líder o Dépor por primeira vez esta temporada, o centrocampista branquiazul admite que "é importante verse no primeiro posto. É máis importante para vós (os medios de comunicación) que mesmo para nós. Nós a mensaxe desde hai tempo é o mesmo, que o importante é semana após semana, partido a partido. É o que nos levou, o que nos está levando a ter esta buenísima dinámica. Por tanto, agora verse primeiro é importante. Está ben porque ves a clasificación e ves que o traballo que estás a facer está a dar os seus froitos. Pero queda moitísimo e só debemos centrarnos no partido da fin de semana".

Nesta liña, confesa iso si que "o verme primeiro alégrame e dáme confianza obviamente pero estou igual de alegre que a semana pasada, que non era primeiro. Queda tantísimo que tampouco podemos agarrarnos ao conseguir algo porque non conseguimos nada. Conseguimos pornos esta semana no primeiro posto, pero iso non significa absolutamente nada. Entendo que #ANOSAFORZA ao volver verse primeiro despois de tantísimo tempo estea máis contenta e eu alégrome moitísimo por eles. Pero a mensaxe no vestiario é o mesmo, o de partido a partido, cada partido é como unha final para nós e así o imos a seguir traballando".

Asegura que "dentro do vestiario non se fan contas. Quedan 11 partidos aínda. Se quedasen 2 todo o mundo fariamos contas e eu o primeiro, sacaría o teléfono e poría a calculadora. Pero quedan 11 partidos. É verdade que é importantísimo o partido porque xogamos contra o segundo clasificado. Temos unha ligerísima vantaxe, que se gañamos podemos ampliala máis, iso está claro. Pero 4 puntos faltando 11 xornadas... a miña experiencia nesta categoría e nestes momentos dime que esa vantaxe non é suficiente e que quedan moitísimos partidos e moitos puntos por xogarse".

Do cheo que parece que podería presentar o estadio tarraconense, Jose Ángel advirte que "nós aquí en ABANCA-RIAZOR vivimos cada fin de semana ter un estadio cheo. Vimos duns cuantos partidos no que temos que gañar si ou si. Esa mensaxe escoitouse moitísimo. O día da Ponferradina, o día do Celta... Estamos afeitos a este tipo de partidos e para nós é moi importante, obviamente polo rival, pero uno máis para poder seguir nesta dinámica".

Parella de Villares no mediocentro, apunta Jose Ángel que "eu estiven cómodo sempre en calquera situación e en calquera formación que expuxo o míster. Dependendo dos compañeiros que teñas é diferente o traballo que tes que facer. As últimas semanas xogando con Villares aí no centro e máis xogadores arriba en ataque temos que facer un traballo diferente a se xogamos con 3 no centro, pero está todo traballado, todo medido. Temos unha competitividade enorme interna que fai que o adestrador teña dificultades á hora de facer un once, coa tranquilidade de que temos grandísimos futbolistas; e preto deles e á beira deles é fácil sentirse cómodo".

Coa presenza dun milleiro de deportivistas nas bancadas do estadio do Nástic, indica que "é difícil seguir describindo o que vemos e o que sentimos con #ANOSAFORZA. Imos a calquera sitio e notámola cerquísima. Aquí en ABANCA-RIAZOR o outro día foi un auténtico luxo ter máis de 28.000 persoas. Os xogadores e o Club están en débeda con esta afección e oxalá este ano podamos darlle unha alegría".