RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Jose Lara, tralo regreso do público a ABANCA-RIAZOR: "A afección que ten o Dépor é marabillosa"

Jose Lara procede dun dos equipos, o Sevilla CF, que pode presumir de contar cunha das inchadas máis entusiastas do fútbol español. Aínda así, asegurou esta mañá en rolda de prensa en Abegondo, após debutar con afeccionados na bancada de ABANCA-RIAZOR o pasado domingo ante o Salamanca CF UDS, que "a calor do público notouse. Para min é moi importante porque en certos momentos do partido faise notar e da forzas. A afección que ten o Dépor é marabillosa. A pesar da situación que vivimos, están moi envorcados connosco. Para nós é importantísimo e valorámolo moito".

Do encontro ante o Salamanca CF UDS, o atacante branquiazul resalta que "o máis positivo foron os 3 puntos. O equipo está a traballar bastante ben, facendo fincapé en todas as liñas e verase reflectido nos próximos encontros".

Do seu debut, destaca que se atopou "ben. A afección vainos a dar ese alento que nos axuda tanto dentro do campo. Para min é un punto moi forte e faime dar moito máis de min. Esa calor, ese alento é fundamental", insiste.

Ponse unha nota "positiva. A partir desta semana hai que matizar certas cousas que podemos mellorar e realizalas no próximo encontro", concretamente o domingo 25 de outubro no Estadio de San Lázaro Vero Boquete ante a SD Compostela (17:00 horas).

Iso si, deixa claro que hai xente nova no equipo "e a primeira toma de contacto, estadio novo... Todo inflúe. O próximo será diferente e seguramente iremos mellorando e tentaremos reflectilo en cada partido".

Preguntado polo sistema, asegura que "o equipo entende ben o que ten que facer. Temos xogadores que por bandas facemos dano. Matizando certas cousas iremos mellorando e sacando resultados con mellor xogo".

Ve ao equipo capacitado para "apertar arriba" aos rivais: "Somos conscientes de que é complicado facelo os 90 minutos. Temos que falarnos dentro do campo e saber canto temos que ir. Ás veces é mellor esperar en zonas máis replegadas".