RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Lara asegura que non hai nerviosismo no vestiario e si "responsabilidade por asegurar a praza canto antes"

Lara asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que, ante a penúltima xornada ligueira no subgrupo 1D de Segunda División B este domingo 2 de maio en ABANCA-RIAZOR ante o UP Langreo (19:00 horas, TVG 2), "nerviosismo ningún. Responsabilidade por asegurar a praza canto antes. Quedan dous partidos, ímolo a dar todo e se non é neste será contra o CD Numancia. Temos esa mentalidade de gañar e lograr esa praza (en Primeira RFEF) a temporada que vén".

Espera un choque "diferente" ao da ida en Langreo, no que o Dépor perdeu pola mínima: "Ao final xogamos en ABANCA-RIAZOR, cámbiase o escenario. Afrontamos o partido con esa ilusión e esas ganas de saber que temos que facer o noso partido e gañalo".

O atacante deportivista lembra que ante partidos decisivos vividos esta temporada "o equipo sempre respondeu. Confío plenamente na actitude de cada un nestes partidos. É o que nos fixo saír desas situacións na que nos vimos este ano".

De feito, asegura que o grupo é consciente desa responsabilidade "que non ten que levarnos a desesperación nin a nervios. Todo o mundo asinaría estar nesta situación e o equipo ten esa forza para conseguir esa praza de cara ao ano que vén".

Coa posible presenza (aínda non confirmada ao Club polas autoridades sanitarias) de 5.000 representantes de #ANOSAFORZA, "é importante para este Club pola afección que ten. A esencia do fútbol é a xente, a afección que sempre está co equipo. Sempre será positivo que entren cada vez máis persoas", advirte. "É importante en ABANCA-RIAZOR sentir a calor de #ANOSAFORZA", engadiu finalmente.