RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Loureiro asegura que "collemos moi ben esa esixencia, ese compromiso, ese traballo diario que Antonio Hidalgo leva por bandeira"

Miguel Loureiro manifestou na sala de prensa do Dépor Training Center que "hai que tratar de pór en valor o que estamos a facer porque é moi complicado".

Cre que cada semana "temos unha proba diso, da dificultade, do que custa gañar un partido nesta categoría. Despois de cada partido, cada vez que conseguimos a vitoria, agora que levamos esta xeira tan boa, hai que darlle moito valor".

Subliña o defensor deportivista que "hai que celebrar cando se gaña porque é moi difícil. É moi complicado conseguir esa regularidade, esa boa serie que temos agora. Hai que darlle valor ao grupo, ao traballo que está a facer o equipo. O traballo no día a día é fantástico e estase vendo reflectido. Queremos seguir nesa liña".

Loureiro apunta que "somos un equipo que podemos adaptarnos a diferentes tipos de partido. Temos moitas armas e a un partido non ter a pelota e ser moi perigosos pola xente que temos arriba, moi determinante, capaz de saír ao contraataque moi rápido. Podemos ser capaces de dominar certos partidos".

Contra o AD Ceuta FC en ABANCA-RIAZOR o pasado domingo "tócache defender pero é algo natural nesta categoría e que imos ter que facer máis veces. Esa forma de gañar tamén reforza ao equipo, esa sensación de que tamén somos capaces de sufrir cando toca, de xuntarnos, de pasar momentos malos. Ao longo dunha temporada é fundamental".

Cualifica o partido ante o Albacete Balompié deste sábado 29 de novembro ás 18:30 (LaLiga TV Hypermotion, GOL, TEN e TVG) como "moi perigoso. É un partido difícil, un campo complicado igual que foi o Nuevo Arcángel".

Do conxunto manchego advirte que "che compromete moito porque ten individualidades moi boas. É un equipo pensado para pelexar por todo. Sabemos o difícil que vai ser, o que nos imos a atopar; e estamos con moitísimas ganas de manter esta dinámica".

Finalmente Loureiro resalta que nos momentos malos "conseguimos manter a calma, esa tranquilidade" e indica que "temos todos moi claro cal é o camiño, que (Antonio Hidalgo) marcóunolo desde o primeiro día. Está moi claro, esa esixencia, ese compromiso, ese traballo diario que el leva por bandeira e nós collemos moi ben".