RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Lucho García cre que "este é o maior reto da miña vida" e resalta que "todo o mundo sabe cal é o obxectivo principal"

Luis Alberto "Lucho" García Pacheco (Barranquilla, Colombia, 20 de marzo de 1998) foi presentado esta mañá en Abegondo, acompañado por Alfonso Serrano, secretario técnico do RC Deportivo.

Após pousar para os medios gráficos no espazo da Cidade Deportiva habilitado para iso, o meta quixo en primeiro lugar explicar o seu estado físico: "No partido de adestramento co Fabril sentín un pouco de molestias nalgún despexe. Son unhas pequenas molestias só. A semana que vén empezo a adestrar, a facer portería. Non teño de que preocuparme".

Defínese como un porteiro "novo, con moitísimo por mellorar, con moitas calidades que aínda teño que ir mellorando. Considérome un porteiro rápido, forte no un contra  un. Con traballo vou seguir mellorando".

Lucho aclara a súa fichaxe polo Dépor, en Segunda División B: "Son unha persoa de retos. Este é o maior reto da miña vida. Cando me comentaron este proxecto de vir aquí tiven moita ilusión. Comenteino cos meus axentes, coa miña familia. É unha aposta persoal. Todo o mundo sabe aquí cal é o obxectivo principal. Se asinei por tres anos é porque non só quero ascender a Segunda División senón que quero facer cousas grandes aquí e deixar pegada neste Club".

Advirte que hai que ir "traballando día a día. Iso vai ser a base. Non pensar que partimos como favoritos. Temos un gran cadro pero cada día temos que mellorar e mostrar que temos posibilidades de subir".

De feito, define a categoría, a Segunda División B, como "moi complicada. Non hai que fiarse de ningún equipo. Ninguén é favorito. Debemos centrarnos en nós, non nos rivais. Traballar para nós día a día para que cada partido demostremos que nos merecemos ascender".

Tivo eloxios para o seu compañeiro de demarcación, Carlos Abad: "É un gran compañeiro. Ten moitas calidades. Vai ser unha disputa moi linda".

E finalmente, resalta que "a afección, os meus compañeiros e os técnicos acolléronme moi ben. Sentinme como en casa. Estou moi contento, moi feliz. Aquí na Coruña, desde que cheguei, sentinme moi ben".