RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Lucho García destaca o potencial do Alavés pero advirte que "temos que saír con todo, a gañar tamén"

Lucho Garcia pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo, minutos antes de arrincar a sesión de traballo diaria do Deportivo.

O meta deportivista cre que é "moi importante polo menos para min e para moitos compañeiros que non estamos a ter minutos en liga" o partido de Copa de SM O Rei deste mércores 6 de xaneiro en ABANCA-RIAZOR (19:00 horas) ante o Alavés: "Significa a oportunidade de demostrar que estamos a traballar ben. Así que penso que si que é importante e afrontámolo con ilusión. Eu sobre todo estou moi ilusionado. Teño moitas ganas deste partido e espero que as cousas saian ben".

Recalca, do mesmo xeito que no seu día Álex Bergantiños, que o deste mércores "vai ser un partido no que non partimos como favoritos. Témolo que tomar con tranquilidade, como un partido máis ante un gran equipo. O rival é dunha categoría superior pero temos que saír con todo, a gañar tamén e a facer o noso traballo".

Do Alavés, afirma Lucho que "é un equipo moi completo. Hai que ter coidado con esa dianteira (na que militan os ex deportivistas Lucas Pérez e Joselu). Nós en defensa somos un equipo forte. Oxalá podamos seguir séndoo contra un rival de superior categoría. Hai que facer un partido completo e que saian ben as cousas".

Non cre que o mercado de fichaxes, aberto desde o pasado 1 de xaneiro, inflúa no vestiario branquiazul: "O vestiario está tranquilo. Non creo que haxa ningún factor externo que nos estea condicionando. De feito apenas se comenta este tema no vestiario".

Tamén desvela unha conversación con Fernando Vázquez unha vez selado o seu pase ao Dépor: "As primeiras palabras que eu lle dixen é que xogue ou non xogue nese primeiro partido ante o Salamanca CF UDS non ía pasar nada, sempre ía ter unha cara boa pola miña banda, ía seguir traballando para demostrarlle que podo xogar e facer as cousas ben".

Por este motivo, advirte que "a min me toca traballar, aproveitar esta oportunidade. Deus queira que me volva a saír un bo partido e que poida seguir demostrándolle ao míster que estou preparado para o que necesite".