RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Lucía Martínez: "A xeira que temos agora fainos ter moita confianza no que somos"

Lucía Martínez manifestou na sala de prensa de Abegondo que este domingo 2 de marzo ás 12:00 (Dazn) ante o RCD Espanyol na Cidade Deportiva Dani Jarque é "unha nova oportunidade para volver demostrarnos que podemos continuar con esa boa serie; e sobre todo crer en que sería un paso máis cara adiante e situarnos nun lugar na táboa que nos fai sentirnos moito máis cómodas".

Admite que As Nosas encaran o encontro ante as espanyolistas "con moitas ganas dese desquite do partido de ida no que non soubemos facer as cousas ben. Tamén é verdade que non creo que o equipo se poida comparar a como era hai 5 meses. Tamén é verdade que ter a xeira que temos agora fainos ter moita confianza no que somos. Encaramos o partido con moitas ganas, con moita ilusión de dar un paso cara adiante e vernos un pouquiño máis lonxe dos postos de abaixo".

A polivalente centrocampista branquiazul opina que a clave na recuperación do Dépor ABANCA é "ter a posibilidade de ter unha boa dinámica. Facíanos falta, mereciámonolo. O traballo durante todo o ano foi moi bo e tiña que caer polo seu propio pé. O fútbol nese sentido devolvéunola".

Confesa que "unha parte de nós sempre foi consciente de que o fútbol son xeiras, son dinámicas. O optimismo sempre o tivemos. É certo que cando encadeas varios partidos nos que non saen as cousas pódeche entrar un pouco de frustración ou de medo de non entender a situación. Pero mereciámonolo e era unha cousa que todas criamos que ía chegar".

Finalmente, Lucía Martínez subliña que "estes últimos dous meses eramos conscientes de que eran cruciais, de que necesitabamos sacar puntos e resultados positivos sobre todo. Agora que tivemos a posibilidade de ter este parón, miralo todo con perspectiva desde fóra moitas veces dános a posibilidade de parar e de ser conscientes de que hai 2 meses estabamos nunha situación bastante máis crítica da que estamos agora. Pero sobre todo é ser conscientes de onde estamos e que teñamos a fame de continuar e de querer pisar o acelerador".