RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Lucía Martínez: O Teresa Herrera é un bo partido para demostrar que este ano o Dépor ABANCA vai dar moita guerra

Lucía Martínez confesou na sala de prensa de Abegondo que, en referencia ao partido ante o Athletic Club deste sábado 10 de agosto ás 18:30 (YouTube RC Deportivo), "xogar en ABANCA-RIAZOR sempre é algo moi bonito e empezar xa facéndoo desde os primeiros días é moi emocionante. É un bo partido para demostrar que este ano o Dépor ABANCA vai dar moita guerra. Aos poucos váisenos a empezar a ver máis, a coñecernos un pouco máis dentro do campo e pode estar moi ben".

Admite sobre ANOSAFORZA que o sábado "temos moita confianza que veñan vernos, sobre todo porque eu os poucos meses que levo aquí é o que me demostraron. Xogamos un par de veces en ABANCA-RIAZOR nos últimos meses e a xente que veu a vernos a min persoalmente ilusionoume moito e sorprendeume. E xa vin que aquí na Coruña o ambiente de fútbol é impresionante".

A centrocampista branquiazul fixo un balance positivo destas primeiras semanas de pretemporada: "Estamos en toma de contacto cos primeiros termos. Hai moitas compañeiras novas pero sobre todo ilusión por un novo comezo. Levamos 3 días en Portugal e iso serviunos para facer un pouquiño máis de piña. De momento o balance é moi positivo".

En canto ás novas incorporacións, pensa que "a xente que vén sempre de fóra suma cousas diferentes, positivas, vén con outra enerxía. Todo o que veña de fóra e todo o que veña novo sempre vai ser mellor".

Lucía Martínez expón en Liga F "a nivel colectivo facer unha campaña moi seria, competir, que se nos teña en conta porque os equipos recentemente ascendidos son equipos que está claro que o pasan mal; pero queremos estar consolidadas, gozar do noso fútbol con ANOSAFORZA e acabar cun bo sabor de boca a final de ano".

E a nivel persoal fixa como obxectivo "gozar, sentirme ben, sentirme chea aquí no Dépor ABANCA xogando e que logo os resultados vaian vindo".

Finalmente, e despois de varios meses en Abegondo, destaca do Dépor ABANCA que "se coidan moito os pequenos detalles. Fas comparacións e sentes que levan pouco nisto da liga F pero é un club serio, ténsenos en conta, quéresenos coidar. Hai moitas cousas que nos dan tamén como no masculino e iso é moi importante porque os pequenos detalles son os que van facer que o día de mañá saian as cousas como queremos".