RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FUNDACIÓN

Lugo estrea o seu DéporCampus Cabreiroá 2025

O concello de Lugo acolleu a presentación da 1ª edición do DéporCampus Cabreiroá 2025 na capital lucense, en colaboración co ADC Sagrado Corazón.

Ao acto de presentación asistiron Ana Abelleira, concelleira de cohesión social e territorial; Jacobo Gómez, presidente da ADC Sagrado Corazón; Alejandro Vidal, responsable da Fundación RC Deportivo; e Sergio Maurente, coordinador do programa local da Fundación RC Deportivo.

A sede de Lugo desenvolverase nunha única quenda do 23 ao 27 de xuño e a data tope de inscrición en deporcampus.rcdeportivo.es é o martes 17 de xuño ás 14:00 horas.

Esta sede é unha das 19 distribuídas ao longo das 4 provincias galegas que acollen a principal actividade social do RC Deportivo que chega a través da Fundación.

Tamén está aberto o prazo de inscrición no resto de sedes dos DéporCampus Cabreiroa 2025 excepto para a de Abegondo, que está esgotada posto que, debido ás obras de modernización na Cidade Deportiva houbo limitación de prazas.

Este ano 2025 desenvolveranse, para participantes desde os 6 aos 14 anos (é dicir os nados de 2011 a 2019 incluídos), entre finais do mes de xuño e principios de agosto, independentemente do nivel de práctica ou experiencia futbolística.

Abegondo, Bertamiráns, Boiro, Caranza, Cee, Cuntis, Monforte, Ourense, Santa Comba, Sarria, Silleda, Terras de Maside, Vila de Marín e Zas; ás que este ano 2025 súmanse Lugo, Cedeira, Vilalba, Sada e o colexio Santa María del Mar son agora mesmo as localizacións nas que se desenvolverá a actividade en diferentes semanas do tres meses de verán.

Poden acollerse a descontos as nenas e nenos que participasen en edicións anteriores dos DéporCampus Cabreiroá e da Escola RC Deportivo; os socios ou accionistas do RC Deportivo; xogadores do Club; familias numerosas ou con máis dun membro en paro; familias que inscriban a máis dun fillo; e fillos e fillas de empregados de empresas colaboradoras de cada sede.

Os DéporCampus Cabreiroá empregan o método Dépor, impartido por adestradores do Club; e baseado no respecto polo rival, o xogo limpo e o esforzo.

Toda a información sobre cada sede, quenda, horarios e demais preguntas frecuentes atópase en deporcampus.rcdeportivo.es, onde se pode realizar todo o proceso de inscrición e contacto.

Así mesmo, os interesados en quendas que estean esgotados poden anotarse nunha lista de espera. Para iso deben mandar un correo a deporcampus@rcdeportivo.es cos seguintes datos: Nome e apelidos do participante, teléfono, correo electrónico e quenda/s semanal/is nos que está interesado.