RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mackay, Trilli e Noel pasan ao mural de Abegondo dos canteiráns que debutaron en partido oficial con #osnosos

Ian Mackay Abad, Álvaro Pérez Campo “Trilli” e Noel López de la Fuente viviron onte pola tarde en Abegondo un momento sinxelo pero especial nas súas respectivas carreiras como Deportivistas.

A parede que precede á porta de saída do vestiario da canteira aos campos de Abegondo loce un mural no que figuran todos os canteiráns que, desde a posta en marcha da Cidade Deportiva en 2003, defenderon as nosas cores en categorías inferiores, do xuvenil para abaixo e chegaron a debutar en partido oficial co primeiro equipo branquiazul.

Ese momento chegou para o tres o pasado 29 de agosto contra o Celta B en ABANCA-RIAZOR. Nese escenario xa xogara no seu día Ian Mackay un Teresa Herrera pero ao non ser partido oficial tivo que esperar 15 anos por ese momento. Ao comezo das súas carreiras deportivas chegoulles a quenda ao lateral e dianteiro do equipo xuvenil que este verán se proclamou campión de España da categoría.

Percorrendo o corredor que separa o vestiario do primeiro equipo do mural ovacionados por todos os seus compañeiros e compañeiras de #anosacanteira. Tras recibir a felicitación e os retratos de mans dos tres representantes do Consello de Administración presentes no acto: Eduardo Blanco, Miguel Juane e David Villasuso, os tres futbolistas foron os encargados de colocar as súas fotos na parede, nun acto que simboliza a dificultade e a satisfacción de chegar ao principio dun novo camiño. Como reza o propio mural: “segue os seus pasos, fainos teus aí fóra”, unha mensaxe con rostros para todas as persoas que forman parte do día a día da Cidade Deportiva de Abegondo.

Após o acto conxunto, Trilli e Noel recibiron de mans de Xosé Antonio Touriñán, as súas novas camisetas patrocinadas polo Deportivismo nun crowfunding organizado polo popular artista galego. #UnDosMeus aparece xa nas súas camisetas como o fará nas de todos os canteiráns que debuten co primeiro equipo en partido oficial esta temporada e que tamén terán que colocar a súa foto no mural de Abegondo.