RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FUNDACIÓN

Máis de 380 xogadores e xogadoras gozaron da festa do fútbol inclusivo en Abegondo

O fútbol inclusivo foi protagonista esta fin de semana en A Coruña e Abegondo. A Fase 2 de LaLiga Genuine, que arrincou o venres cunha actividade de sustentabilidade ambiental e o seu posterior acto de apertura en ABANCA-RIAZOR, deixou tres días para o recordo na Coruña e na Cidade Deportiva de Abegondo. 

A mañá do venres comezaban a desembarcar na Coruña os máis de 380 xogadores e xogadoras dos 24 equipos participantes na sede. A acción non tardou moito en chegar. Ese mesmo día, varios dos equipos realizaban unha actividade de sustentabilidade ambiental, impulsada por WeSustainability, na praia de Riazor. Unhas horas despois, a comitiva de LaLiga Genuine trasladábase ao estadio de ABANCA-RIAZOR. Nese escenario, Álvaro García Díeguez, presidente do RC Deportivo, e Clemente Villaverde, presidente da FUNDACIÓN LALIGA, acompañados doutras autoridades locais recibían aos clubs participantes na Fase 2 de LaLiga Genuine.

Ás 10:00h do sábado a acción trasladouse á Cidade Deportiva de Abegondo. Alí tiveron lugar os primeiros encontros da competición. O público que se achegou a ver os partidos, os xogadores e xogadores, técnicos e todo o mundo que estaba presente puideron gozar de dous días cun gran ambiente de inclusión, fútbol, compañeirismo e deportividade. 

No medio dese gran clima futbolistico atopábase o Dépor Genuine, que exercía como equipo anfitrión. Os nosos representantes disputaron tres partidos co apoio da afección branquiazul. O balance foi de dúas vitorias ante Real Madrid e Lugo e un empate ante o equipo do Real Valladolid. O Dépor Genuine queda situado na oitava posición do Grupo Superación con 13 puntos. Todos os resultados da fin de semana e a clasificación poden consultarse nesta ligazón: https://www.laliga.com/laliga-genuine