A RC Deportivo Fundación continúa dando visibilidade a causas sociais a través da iniciativa 'Brazaletes Solidarios'.
O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o RC Deportivo alza a voz pola igualdade, polos dereitos conquistados e por todos os que aínda quedan por conquistar.
Lembramos ás mulleres que abriron camiño e reafirmamos o noso compromiso cun futuro onde ningunha nena vexa limitado o seu soño polo seu xénero.
E o 21 de marzo, Día Internacional contra o Racismo, defendemos a diversidade como riqueza, a igualdade como principio e o respecto como base de toda convivencia.
O Dépor di 'NON' á discriminación e 'SI' a unha sociedade onde cada persoa sexa valorada polo que é.
Este brazalete solidario une ambas as datas nun mesmo latexado: igualdade, xustiza e dignidade para todas as persoas.
A RC Deportivo Fundación colabora para iso coa Fundación Vicente Ferrer, cuxa labor incansable impulsa a transformación social das comunidades máis desfavorecidas.
A súa misión vai máis aló da axuda: traballa pola erradicación da pobreza extrema, a xustiza social, a igualdade entre mulleres e homes, o respecto aos dereitos humanos e a autonomía e participación activa das comunidades.
Cada brazalete é un xesto pequeno cun impacto enorme. É un recordatorio diario de que o cambio empeza nas nosas mans. A solidariedade non é unha palabra, é unha acción. A igualdade non é un ideal afastado, senón unha responsabilidade compartida.
Este mes de marzo, levemos o compromiso no brazo e no corazón.
O proxecto Brazaletes Solidarios é unha iniciativa innovadora e con alto valor social, deseñada pola RC Deportivo Fundación para dar visibilidade a distintas causas solidarias ao longo dos 10 meses de competición da temporada.
O mes de outubro o brazalete solidario estivo dedicado á saúde mental a través de FEAFES (Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia); o de novembro, á infancia con Dignidade Galicia; o de decembro á discapacidade a través de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade); o de xaneiro, á educación coa ONG EDUCO; e o de febreiro dedicado á loita contra o cancro en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC).
