RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez presume da mentalidade do Dépor ABANCA "de loita, de pelexar, de mirar cara arriba, de non baixar os brazos até o final"

Manu Sánchez compareceu ante os medios informativos a 48 horas de visitar ao EDF Logroño, este domingo 21 de marzo ás 12:00 horas en Las Gaunas, en partido correspondente á 23ª xornada na Primera Iberdrola.

O técnico deportivista confesa que o Deportivo ABANCA "gozou o triunfo ante o Rayo Vallecano e o desenvolvemento do traballo durante a semana foi consecuencia desa alegría por esa importante vitoria. En calquera equipo de fútbol, traballar sobre unha vitoria sempre é máis agradable que sobre unha derrota".

Prefire non cualificar ao EDF Logroño como un rival directo pola salvación porque "para min rivais directos son os doce que nos quedan para acabar".

Do conxunto rioxano destaca que "ten unha moi boa base de traballo. O labor de Gerardo García (ex adestrador) tanto o ano pasado como este fixo que fose un equipo que nos encandeou a moitos. Sobre esa base agora Javier Moncayo está pincelando a súa estrutura". "Pode desenvolver diferentes armas, estilos... Imos ver quen se pode levar o gato á auga", engade.

Cre que o partido é "especial principalmente polo escenario. Xogamos en Las Gaunas, que é un estadio con tinguiduras moi deportivistas e mítico neste país".

Coa salvación a dous puntos, Manu Sánchez advirte que o Deportivo ABANCA "leva vivindo no barro desde a primeira xornada. Fomos capaces de refacernos e manter unha mentalidade competitiva de traballo moi alta durante todo o ano. Se cadra o problema téñeno os equipos que non se viron aí. A nosa mentalidade é de loita, de pelexar, de mirar cara arriba, de non baixar os brazos até o final. As xogadoras traballan a semana con ambición e ilusión porque vense capaces de sacar adiante todo isto. Despois vén un tramo complicado do calendario e mentalmente estamos preparados".