O mellor local no que vai de LaLiga Hypermotion, a SD Eibar, e o visitante, o RC Deportivo, ven as caras este sábado 27 de setembro ás 18:30 (Liga TV Hypermotion e Fútbol 2, dispoñible tamén en DIGI TV e outras plataformas) en Ipurúa, en partido correspondente á 7ª xornada.
Como en todos os campos de España, haberá representación de #ANOSAFORZA, nesta ocasión sobre 260 afeccionados.
Os eibarreses tombaron ao Granada CF (3-0), FC Andorra (2-0) e Real Sociedad B (2-1), 9 puntos de 9 posibles.
Pola súa banda, Os Nosos venceron ao Granada CF (1-3) e CD Mirandés (0-4); e sumaron 1 punto en Leganés (2-2).
Despois do triunfo da pasada fin de semana por 4-0 ante a SD Huesca en ABANCA-RIAZOR, o Dépor lidera a táboa con 14 puntos, os mesmos do Cádiz CF.
Antonio Hidalgo manifestou na sala de prensa de Abegondo que leva este liderado "indo ao detalle, esixindo ao máximo, indo ao límite en cada adestramento, dando normalidade ao día a día noso. Queda moito por diante".
Insiste en que "calquera partido nesta categoría é moi complicado e está moi igualado".
É baixa para o encontro David Mella, concentrado coa selección española sub-20 no Campionato do Mundo da categoría en Chile.
Así mesmo, José Gragera é o único futbolista con adestramento personalizado. "Está na fase final de recuperación", apuntou o preparador branquiazul, que cre que "a próxima semana poderá participar nalgúns momentos".
Preguntado por Jose Ángel, que fai todo o traballo co grupo e xa ten a alta médica, o técnico deportivista advertiu que "temos que ter coidado. Estivo tempo fose e iremos tomando decisións sobre el. A boa noticia é que vai completando adestramentos salvo un día no que tivo un proceso vírico".
O equipo completou esta mañá unha última sesión de traballo en Abegondo consistente nunha activación, fútbol reducido e un exercicio de preparación de partido.
Samu, Fabi e Íker Vidal foron os representantes de ANOSACANTEIRA.
Ao concluír, a expedición partiu de viaxe a Vitoria, cuartel xeral do Dépor no País Vasco.
Pola súa banda, a SD Eibar, que a pasada fin de semana superou no seu campo á Real Sociedad B (2-1), é 7º con 10 puntos.
Sergio Álvarez, centrocampista azulgrana, opina que "é un partido ilusionante porque a todos nos gusta xogar e competir contra os mellores equipos. Eu creo que nos enfrontamos a un bo rival dentro da categoría que empezou ben e montou un bo equipo esta temporada".
Iso si, pensa que a SD Eibar "está moi ben, vai competir, non só agora, senón ao longo da temporada contra calquera equipo".
O futbolista eibarrés pide "facernos fortes en casa e tentar sumar de tres en tres. Sabemos que é superigualada esta categoría. Ese bastión que temos en Ipurúa temos que sacarlle rendemento".
Finalizado o encontro, Os Nosos regresan por estrada á Coruña e adéstranse de novo o martes 30 de setembro ás 10:30 en Abegondo.
