RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
Xuvenil-A

Miguel Figueira, tranquilo de cara ao desenlace ligueiro en Nigrán: "Os mozos están a competir os días de partido con gran acerto"

Miguel Figueira atendeu aos medios de comunicación na sala de prensa de Abegondo a 2 días de visitar ao ED Val Miñor Nigrán no último partido de liga da División de Honra, este domingo 4 de maio ás 16:30 en Condomínguez.

Con 3 puntos de vantaxe sobre o RC Celta á fronte da táboa, o técnico do Xuvenil A sostén que o seu equipo "nestas últimas semanas está a crecer. Os mozos están a adestrar moi ben e están a competir os días de partido con gran acerto".

Admite que ao ser o último partido, "pode haber certa intranquilidade pola incerteza do resultado final pero véxoos adestrar e creo que o equipo chega preparado. A min iso tranquilízame".

O preparador branquiazul apunta que os dous últimos partidos, en Santander ante o Racing e en Abegondo ante o Real Oviedo "foi un paso adiante para eles. O día do Racing, na segunda parte o gol que metemos no minuto 70, é un gran gol. É unha gran xogada colectiva que se adestra habitualmente. Dar ese nivel competitivo, ese nivel de fútbol neses minutos é complicado e estano facendo".

Pon Miguel Figueira outro exemplo: "O outro día contra o Real Oviedo o partido non empeza ben. O Oviedo empeza ben plantado e fainos unha ocasión de gol clara. A partir de aí o equipo fai media hora excelente, con goles de grandísimo nivel".

Conclúe que "se eles son capaces de facer iso, de reflectir en momentos de tanta tensión o fútbol que levan dentro non hai que estar preocupados por ningún outro resultado".

Así pois, "non teño que mirar para outro partido. No noso caso empatar ou gañar para ser campións".