RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Miguel Llorente apela á forza de Abegondo: "Para min #ANOSAFORZA é o 80 por cento"

A pouco máis de 48 horas do debut en Reto Iberdrola, o domingo 5 de setembro ás 12:00 en Abegondo ante o FC Barcelona B, Miguel Llorente, adestrador do Deportivo ABANCA, pasou esta mañá pola sala de prensa de Abegondo.

Deixou claro en primeiro lugar que "o rival é importante, pero somos máis importantes nós. Imos elaborar unha maneira de xogar fundamentada nas nosas fortalezas e en función diso enfrontarémonos a rivais diferentes durante a temporada. As semanas non cambian. Temos a nosa maneira de traballar, as nosas tarefas, a nosa maneira de ver as cousas e logo, en función do rival, se cadra unha ou dúas tarefas dedicámosllas a elas; pero o foco poñémolo en nós".

Ex técnico azulgrana a pasada temporada, confesou ademais que o actual responsable do filial culé, Óscar Belis, "é dos meus mellores amigos por non dicir o mellor alí en Barcelona. Os primeiros días non falamos, os últimos si. Teño unha sensación estraña. Vivímolo os dous con moita ilusión porque estivemos moitos anos adestrando xuntos en diferentes clubs. Adestramos no estranxeiro tamén. É unha semana estraña pero emocionante e con ganas de xogar o partido xa".

Do FC Barcelona B, apunta que "nos imos a atopar cun equipo moi novo, con moitas ganas, moi dinámico, fluído, rápido, vertical sempre que poida, que xoga a poucos toques. Temos que estar moi atentas cando teñan o balón".

Conta con Abegondo e #ANOSAFORZA "cento por cento. Onte a iniciativa das xogadoras de crear un hashtag e colgalo en redes sociais ten como idea principal enganchar á xente para que sexan un factor fundamental e decisivo. Levo toda a semana preguntando se se sabe o aforamento. Para min #ANOSAFORZA é o 80 por cento. Se te sentes cómodo, arroupado e es consciente que estás en #ANOSACASA, a enerxía sobe e cando a enerxía sobe as cousas saen ben. Contamos con Abegondo para todo o que se poida. Se están detrás, seremos moito máis fortes".

Móstrase convencido que o Deportivo ABANCA preséntase apto para o curso ligueiro: "Estamos onde temos que estar. O pasado xa non existe e o futuro non sabemos que será por tanto onde estamos é o mellor punto no que podemos estar. Estamos con ganas, ilusión, entendendo moitas cousas, rompendo crenzas que creo que era importante romper para voar máis libres. É un momento moi bo para empezar a temporada".

Miguel Llorente non rehúye a presión nin a esixencia desta nova temporada, con só unha praza de ascenso para o campión de grupo; e coa permanencia asegurada só até o cuarto posto da táboa: "Encántame a presión. Canta máis presión teño, máis me esixo e canto máis esixo, máis dou. Se eu esíxome e eu dou, o equipo vaise a esixir e dar máis do que daría habitualmente. E ao revés tamén. Canto máis se esixan elas, nós como staff imos ser máis fortes. Por tanto esa dificultade eu convértoa nunha vantaxe".

Finalmente, desvela que esta temporada as capitás do equipo "foron as únicas tres votadas: Alba Merino, Cris e Patri López. Son as xogadoras que seguen aquí desde o ano pasado, saben o que se viu o ano pasado tanto para ben como para mal; e saben o que é este Club; un Club diferente, cunha identidade moi forte, cunha unión con #ANOSAFORZA enorme. Ninguén mellor que elas nos poden enganchar ao Dépor ABANCA e a esta temporada, que será marabillosa con elas".