RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ANOSACANTEIRA

Noé Carrillo, deportivista até 2027

Noé Carrillo Collazo (Teo, 28 de decembro de 2006) asinou esta tarde a súa renovación no Dépor até xuño de 2027, con outra temporada máis opcional.

Este centrocampista pertencente ao Xuvenil A, co que se proclamou campión da División de Honra, chegou ao Infantil B de #ANOSACANTEIRA na temporada 2019-20 procedente do CD Conxo Santiago.

Nesta última campaña participou en 28 partidos de liga, 25 deles como titular, e marcou un total de 7 goles. Dous deses tantos, ante o CD Lugo en Abegondo (1-0 na xornada 27ª) e en Redondela ante o CD Choco (0-1 xornada 28ª), ambos no minuto 83 de cada partido, foron decisivos para o título conquistado polos pupilos de Manuel Pablo.

A renovación de Noé súmase ás asinadas nos últimos meses por Mella, Dani Barcia, Brais Suárez e Iano (2026); Carmen Carballada (2027); Kevin, Rubén López, Martín Ochoa, Diego Gómez e Elena Vázquez (2028); e Yeremay (2030) nunha clara mostra da confianza do Club no bo traballo realizado na Cidade Deportiva de Abegondo.