RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
RCDEPORTIVO

Novo encontro do Club de empresas do RC Deportivo, 'RC Deportivo Business Club', esta vez no novo Espazo Avenida ABANCA (antigo Cinema Avenida)

O RC Deportivo Business Club celebrou onte á noite un evento de gran éxito no emblemático Cinema Avenida, actual Espazo Avenida ABANCA, recentemente restaurado pola entidade. Trátase dun lugar histórico na Coruña que ofreceu o escenario perfecto para unha xornada de networking e colaboración empresarial. 

Nesta ocasión reuníronse ao redor de 20 empresas, coa presenza de 70 invitados, incluíndo a varios membros do Consello de Administración do RC Deportivo, quen compartiron experiencias e estreitaron lazos nun ambiente único e de gran valor, explorando novas oportunidades de negocio e fortalecendo as relacións comerciais. 

Durante o evento, Massimo Benassi, Conselleiro Delegado do Club, destacou que "é fundamental entender que o crecemento do RC Deportivo vai máis aló do deportivo. A evolución do noso Club ten un impacto directo na Coruña e en todo o tecido empresarial da cidade e de Galicia".

"O RC Deportivo está comprometido coa creación dun ecosistema empresarial robusto e dinámico que favoreza o crecemento de todas as empresas que forman parte do noso Club", subliñou a continuación.

Os asistentes tiveron a oportunidade conversar co Conselleiro Delegado branquiazul e tratar temas como a internacionalización do Club e a xeración de talento. 

Posteriormente, os asistentes gozaron dunha dinámica de networking da man de Joaquín Sorribas, responsable do Departamento Psicoeducativo do Club e psicólogo do primeiro equipo masculino. 

Ademais, houbo visita de xogadores e xogadoras dos primeiros equipos masculino e feminino, concretamente de Diego Villares, Dani Barcia, Eva Dios e Lucía Martínez.

O evento concluíu cun cóctel ambientado no cinema, onde os invitados puideron seguir compartindo experiencias, facendo contactos valiosos e fortalecendo as relacións nun ambiente relaxado e distendido.

A xornada reafirma o compromiso do RC Deportivo Business Club en promover espazos de diálogo e colaboración entre empresas e líderes do sector, destacando a importancia da innovación e as alianzas estratéxicas no desenvolvemento empresarial.