Noé Carrillo e Jose Gragera pasáronse pola zona mixta de ABANCA-RIAZOR.
O canteirán, autor do gol do triunfo e do pase a oitavos de final o día do seu debut no primeiro equipo, quixo en primeiro lugar "dar as grazas ao míster por darme estes minutos. Entrei, tentei dalo todo, correlas todas. Tiven a sorte de meter o gol e despois de metelo fíxoseme o silencio. Non escoitaba o estadio nin a ninguén. Fun correndo cara á banda e acordeime dos meus pais, dos meus avós pero sobre todo da miña nai, que non puido estar porque tiña que traballar".
Apunta que no vestiario os compañeiros "estaban moi contentos. Facía moito tempo que non xogabamos contra un Primera. Había moita felicidade. Viñamos de dous partidos perdidos e isto reforza ao equipo para seguir crendo, seguir traballando como o estamos facendo".
Sexto canteirán que debuta esta temporada co primeiro equipo, Noé destaca que "os mozos do Fabril e os de ANOSACANTEIRA están a traballar moi ben grazas a que o Club está a apostar forte por nós coa nova cidade deportiva. E grazas aos traballadores do Dépor Training Center", concluíu.
Noé insiste agora en "seguir traballando. Se se loita e tes sorte podes chegar a estar no primeiro equipo".
Pola súa banda, Jose Gragera subliña que "estamos moi contentos. Queriamos a vitoria, pasar de rolda. Sabiamos que era moi importante despois das dúas derrotas que llevabamos en ABANCA-RIAZOR volver engancharnos con #ANOSAFORZA. Sabiamos que era moi complicado, un equipo de Primera con grandísimos xogadores e estou moi feliz por estar na seguinte rolda".
O mediocentro deportivista lembra que "a Copa ten enganchado a todo o mundo. Os que non estamos a participar tanto en liga temos a oportunidade de xogar, de demostrar que queremos estar outra vez aí, achegando".
Finalmente destaca Gragera que "era importante volver a esa solidez tan característica. Estou moi feliz polo partido que fixo o equipo. Hai que darlle moito valor á vitoria porque era un equipo de Primera División".
