O Cónsul Xeral de España en Sao Paulo recibiu á expedición do RC Deportivo no marco da xira 'DÉ x Brasil'
O Ilustrísimo señor Cónsul Xeral de España en Sao Paulo, Pablo Montesino-Espartero, acompañado pola Cónsul Adxunta Laura López García e a 'Chefa de Secretaria' Laura Revilla recibiron ao RC Deportivo no marco da xira promocional 'DÉ x Brasil'.
Jan Wappler, director corporativo do Club; e Alejandro Vidal, responsable da área internacional fixéronlle entrega dunha camiseta branquiazul ademais dunha réplica da Torre de Hércules en cerámica de Sargadelos.
Pola súa banda, o Cónsul e o persoal diplomático mostraron a súa dispoñibilidade para axudar ao RC Deportivo nos seus esforzos de internacionalización con respecto a Brasil.
Ademais, Pablo Montesino-Espartero quixo coñecer de primeira man á entidade deportivista, ademais de interesarse polos seus plans de futuro e, por suposto, pola xira 'DÉ x Brasil'.
Novo acto mañá en Sao Paulo; e visitas ao Corinthias, Palmeiras, Sao Paulo e Portuguesa FC Sao Paulo
Este xoves 3 de abril o RC Deportivo participará nun acto institucional de ABANCA, patrocinador principal do Club, consistente na apertura dunha sucursal na cidade de Sao Paulo.
Ademais, haberá visitas aos seguintes clubs: Sport Club Corinthians, Sociedade Esportiva Palmeiras, Sao Paulo FC e Portuguesa FC Sao Paulo, coas que se pechará esta xira 'DÉ x Brasil'.
Anteriormente os representantes branquiazuis estableceron contactos co Clube de Regatas do Flamengo, o Botafogo de Futebol e Regatas e o Club de Regatas Vasco da Gama.
Finalmente o pasado sábado 29 de marzo, o partido entre o Racing de Ferrol e o Deportivo na Malata púidose seguir en directo na Casa de España en Río de Janeiro. Houbo sorteo de merchandising do Club, unha comida típica galega e un partido de fútbol sala.
Experiencia coa Copa Suramericana
Jan Wappler e Alejandro Vidal teñen este mércores 2 de abril a oportunidade de seguir a planificación, organización e supervisión da Copa Suramericana con motivo do encontro entre o Corinthians e o Huracán arxentino.
Así, monitorizarán as accións de márketing relacionadas coas operacións, garantindo a execución dacordo cos plans definidos.
Así mesmo, asistirán á supervisión da execución operativa o día do evento, asegurando o cumprimento das normas e directrices establecidas pola Conmebol e CBF.
Finalmente presenciarán a comunicación e interface cos clubs, equipos de arbitraxe, organismos de seguridade e outras partes interesadas involucradas nos partidos.