RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
RCDEPORTIVO

O RC Deportivo conmemora o 25 aniversario do título de liga cunha escultura que inmortaliza o gol de Donato

O Real Club Deportivo de La Coruña presentou este venres na coruñesa chaira de El Parrote unha obra artística conmemorativa que rende homenaxe ao histórico gol de Donato Gama da Silva, o 19 de maio de 2000, que abriu o camiño cara ao primeiro e único título de Liga na historia do Club. 

Esta obra representa o instante eterno que converteu en realidade o soño de xeracións de deportivistas.

A escultura, titulada 'Historia que nos Impulsa', captura o xesto de Donato, o seu salto e remate, simbolizando o espírito de loita, esforzo e perseveranza do RC Deportivo.

Cada liña da obra evoca a emoción contida no estadio ABANCA-RIAZOR, a esperanza colectiva e a explosión de alegría que selou unha das páxinas máis gloriosas da historia do fútbol español.

Vanguardismo e sustentabilidade

A creación desta peza foi posible grazas ao traballo de La Máquina, unha empresa de impresión 3D a gran escala que empregou ferramentas computacionales avanzadas para analizar e simular en detalle os movementos de Donato. A partir desta información e grazas tamén ao emprego de IA, xerouse un modelo dixital en 3D que reproduce fielmente o xesto orixinal. A incorporación de tecnoloxía de impresión 3D permitiu optimizar tanto o uso do material como os tempos de fabricación, completando a produción en tan só catro días.

Esta obra é tamén unha homenaxe a todos os que fixeron posible aquel logro histórico e a quen, desde a bancada ou de lonxe, empuxaron coa súa voz e o seu corazón. É un símbolo de orgullo, identidade e memoria eterna para o deportivismo. Para crear as 10 esculturas que compoñen a instalación empregáronse as camisetas conmemorativas que realizou o Club para o 25 aniversario do título de liga.

Vinte e cinco anos despois, este gol fálanos de presente e de futuro. É unha invitación ás novas xeracións para soñar en grande e loitar con unión, traballo e fe no que representamos. Inspíranos a crer e non rendernos nunca.

A obra artística estará exposta na chaira do Parrote até o 10 de xuño, como parte das celebracións do 25 aniversario do título de liga, permitindo aos afeccionados revivir e render tributo a un momento indeleble na historia do RC Deportivo e da cidade da Coruña.