O Dépor, a "competir ao máximo" este sábado 10 de maio na súa visita ao Sporting de Gijón
O Dépor, cuns 550 afeccionados branquiazuis na bancada, mídese mañá sábado 10 de maio ao Sporting de Gijón en El Molinón a partir das 16:15 (LaLiga TV Hypermotion), nun partido correspondente á 39ª xornada en LaLiga Hypermotion que o equipo deportivista "quere competir ao máximo", segundo declarou Óscar Gilsanz na mesma sala de prensa.
Para iso, o técnico branquiazul asegura que porá "aos mellores xogadores que nos acheguen a gañar". "É o que temos que buscar. É un ADN que queremos que o equipo teña, que está a ter, de competir cando está ben, cando está menos ben e cando está mal", engade.
Os resultados da última xornada, co triunfo en ABANCA-RIAZOR ante o Albacete Balompié, deixaron a Os Nosos en 10ª posición con 53 puntos.
O equipo realizou esta mañá unha última sesión de traballo no campo 3 de Abegondo consistente nunha activación con xogos e roldo central; e un último repaso ao plan de partido e as accións a balón parado.
Adestráronse á marxe do grupo Gauto, Ximo Navarro, Mella e Jose Ángel, ao que se referiu en rolda de prensa o preparador deportivista: "Anda cuns problemas de pube. Estamos a tratar de coidalo. Esta semana estaba un pouco canso e con algunha molestia. Imos ver como se atopa para ver se pode viaxar ou non".
Pola súa banda, o Sporting de Gijón, que a pasada fin de semana caeu co CD Castellón por 4-3, é 17º con 47 puntos.
No partido da primeira volta disputado en ABANCA-RIAZOR o pasado 24 de novembro (16ª xornada) houbo empate a un gol. Adiantáronse os asturianos no minuto 77 e empatou Mella no 85.
En El Molinón esta temporada o Sporting gañou ao Real Oviedo (3-1), Real Zaragoza (1-0), CD Castellón (2-1), SD Huesca (2-1), Cádiz CF (2-0), Córdoba CF (2-0), Burgos CF (2-0) e CD Mirandés (3-1); empatou co CD Eldense (0-0), Elche CF (1-1), SD Eibar (0-0), UD Almería (1-1) e Real Racing Club (1-1); e caeu co Levante UD (1-2), Granada CF (1-2), Racing de Ferrol (1-3), Málaga CF (1-3), Albacete Balompié (0-2) e CD Tenerife (1-3).
Asier Garitano, técnico sportinguista, confirmou a baixa de Dubasin por molestias e non cre que sexa unha final "porque as finais se acaban e xa non hai nada máis. Aquí quedan outras 3 xornadas máis".
Do Dépor, opina que "é un equipo alegre que xoga ben, que ten velocidade" e advirte sobre Yeremay que "é diferente pero ten ao redor xente que fai co seu traballo que poida participar nas situacións que el é determinante".
Finalizado o encontro, Os Nosos adestraranse de novo o luns 12 de maio ás 11:00 horas en Abegondo.