RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA abre o curso con remontada a balón parado (2-1)

O Deportivo ABANCA derrotou en Abegondo ao FC Barcelona B no arranque do campionato ligueiro, nun partido no que o conxunto azulgrana adiantouse ao primeiro de vez e que as branquiazuis remontaron grazas a senllos tantos a balón parado: un golazo de falta de María Ruiz mediado o primeiro tempo e outro de Alba Merino de penalti mediado o segundo.

Miguel Llorente, na súa estrea oficial no banco deportivista, apostou pola formación máis habitual durante a pretemporada, aínda que con algunha pequena modificación como a entrada de Aroa Guerra como dianteira e o desprazamento de María Ruiz cara á esquerda do ataque.

As cousas non empezaron ben xa que o primeiro balón que atravesou a área coruñesa acabou no fondo da portería. Un centro cruzado desde a esquerda do ataque despexouno en curto na área Patri López. O balón caeu a pés de María Pérez, que só tivo que empuxar o coiro ao fondo das mallas. Corría o minuto 6 de encontro.

Despois de moitos minutos de toma e daca, dunha loita constante por facerse coa posesión da pelota, chegou o empate. Mediada a primeira metade, no minuto 23, María Ruiz transformou un libre directo cun golpeo durísimo por riba da barreira ante o que Meri Muñoz só puido facer a estatua.

Coa igualada reestablecida, empezáronse a producir algunhas chegadas máis claras á área por parte de ambos os conxuntos. No minuto 26, Ornella Vignola disparou por riba do traveseiro da meta defendida por Ana Valles. No 29, María Ruiz non puido rematar indo ao chan un balón solto na área ante a saída da gardameta. Trala pausa de hidratación decretada polo colexiado debido á calor reinante en Abegondo chegou un novo intento branquiazul, cun lanzamento cruzado de Aroa Guerra.

A segunda metade comezou cun Dépor ABANCA máis ofensivo. Nos primeiros instantes, Inés Altamira desviou forzada un balón pasado nun saque de esquina que atrapou a porteira visitante. E María Ruiz, nun libre directo un pouco máis afastado que o do 1-1, puxo en apertos a Meri Muñoz.

Con todo, o FC Barcelona B deu un paso adiante rapidamente. No minuto 50, María Pérez estivo a piques de adiantar de novo ao filial azulgrana cun tremendo disparo afastado que repeleu o traveseiro. E case de inmediato, Ona Baradad chegou con claridade polo extremo dereito pero Ana Valles gañoulle o man a man desviando o coiro co pé a córner.

Á hora de xogo, Aroa Guerra protagonizou unha longa carreira pola esquerda, pero o remate coa zurda da canteirá perdeuse á dereita do portal barcelonista. Pouco despois chegou a acción que decidiu o partido. María Ruiz adiantouse á gardameta nun balón en profundidade, superouna cun chapeu e cando cabeceou xunto ao poste dereito para facer o 2-1, Clara Rodríguez evitouno coa súa man. O colexiado castigou a acción co correspondente penalti e expulsión. Alba Merino enganou a Meri Muñoz para colocar, agora si, o 2-1 no marcador.

Cunha xogadora máis sobre o terreo de xogo, o Dépor ABANCA tratou de arrefriar o partido con longas posesións, aínda que tamén se achegou con perigo. Alba Merino estivo a piques de facer o terceiro no minuto 73, nun lanzamento desde fóra da área que desbaratou Meri Muñoz nunha gran intervención en dous tempos.

O filial azulgrana, de todos os xeitos, non deu o seu brazo a torcer e no minuto 80 gozou dunha ocasión clarísima. Un veloz coltragolpe acabou con Ari Mingueza cara a cara ante Ana Valles. A azulgrana tentou superar á porteira branquiazul cunha vaselina pero a asturiana adiviñou a súa intención e puido atrapar a pelota.

Ainhoa Marín, no minuto 82, tamén dispuxo doutra oportunidade para pechar o partido cunha gran acción individual na liña de fondo que concluíu cun duro dereitazo ao primeiro pau que atrapou a gardameta. O marcador xa non se movería, polo que o encontro concluíu co triunfo coruñés por 2-1.

Deportivo ABANCA: Ana Valles, Cris, Inés Altamira, Raquel García, Patri López (Goretti Neira, min. 62), Paula Gutiérrez, Jone Ibáñez, Ainhoa Marín, Alba Merino (Alejandra Serrano, min. 82), María Ruiz e Aroa Guerra (Eva Dios, min. 76).

FC Barcelona B: Meri Muñoz, Martina Fernández, Berta Doltra, María Molina, Clara Rodríguez, María Pérez, Alba Caño (Ari Mingueza, min. 46), Ona Baradad (Sara Ismael, min. 76), Julia Bartel (Judit Pujols, min. 66), Ornella Vignola (Laura Lobo, min. 76) e Claudia Riumalló.

Goles: 0-1 María Pérez (min. 6); 1-1 María Ruiz (min. 23); 2-1 Alba Merino, de penalti (min. 65).

Árbitra: Castro Alarcón (c. galego). Expulsou a Clara Rodríguez (min. 63) con vermella directa. Cartón amarelo a Martina Fernández (min. 65), Jone Ibáñez (min. 71), Alba Merino (min. 78), Claudia Riumalló (min. 79) y Eva Dios (min. 89). Tamén mostrou cartolina vermella a Fran Martínez Nión, adestrador de porteiras do Dépor ABANCA (min. 45).

Incidencias: partido da 1ª xornada de Reto Iberdrola disputado en Abegondo con asistencia limitada ao 40 por cento da capacidade debido á pandemia de COVID-19.