RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA busca mañá ante o Betis facer bo o punto logrado o mércores ante a SD Eibar

O Deportivo ABANCA pecha mañá domingo 14 de febreiro unha semana transcendental.

O equipo branquiazul, a catro puntos da salvación, recibirá en Abegondo, a porta pechada pola pandemia de COVID-19, ao Real Betis (13:30, Gol) en choque correspondente á 14ª xornada aprazado o pasado 10 de xaneiro.

Na convocatoria repiten as canteirás Eva Dios, recentemente convocada pola selección española sub-19 para unhas xornadas de adestramento en Marbella, e María Figueroa.

Tal e como manifestou a capitá Iris Arnaiz nada máis concluír o encontro do pasado mércores ante a SD Eibar, que concluíu en igualada (0-0): "este punto hai que facelo bo o domingo". E ademais ante un rival directo, pois as andaluzas marchan pechacancelas da Primera Iberdrola con 10 puntos, un menos que as deportivistas.

Manu Sánchez confirmou en rolda de prensa que Carolina Arbeláez segue de baixa e "diversas xogadoras teñen molestias aínda que non serán importantes de cara a mañá".

Sobre a futbolista colombiana, explicou que "os médicos están a traballar con diversas actuacións. Ela está con moi bo ánimo e predisposición. Esperamos tela canto antes aínda que non hai prazos aínda".

Concluído o encontro fronte ao Real Betis, o Dépor ABANCA adestrarase de novo en Abegondo o luns 15 de febreiro ás 17:30.