RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA, co impulso de Cris Martínez e Millene Cabral, mídese en Buñol ao Levante UD, un rival directo

O Dépor ABANCA visita mañá domingo 20 de abril ao Levante UD a partir das 12:00 (Dazn) na Cidade Deportiva de Buñol, en partido correspondente á 26ª xornada na Liga F.

Após o triunfo ante o FC Levante Badalona en ABANCA-RIAZOR a pasada fin de semana, As Nosas chegan ao choque con 26 puntos, situadas na 11ª posición.

O equipo deportivista saltará ao céspede co impulso dunha xogadora que non viaxou, Cris Martínez, de baixa por maternidade; e doutra habitual nas aliñacións titulares, Millene Cabral, renovada esta semana até xuño de 2027 no Dépor ABANCA.

Fran Alonso, en rolda de prensa, desvelou que tivo 4 casos como o de Cris na súa traxectoria como adestrador tanto en Estados Unidos como en Escocia: "Para min é unha cousa moi normal. Falei con Cris, co Club na experiencia que eu vivín. Cris é un exemplo perfecto porque é a nosa capitá. Estou súper contento. Ímola a botar de menos no campo pero sei que nos vai a estar a apoiar desde fóra e vai cumprir o seu rol como capitá desde fóra. Ímola a apoiar en todo. É a primeira que temos con esta experiencia tan bonita. Queremos que sexa algo moi especial para ela, para a súa familia e para o Club. Os 3 puntos seguintes que consigamos van para ela".

Da continuidade de Millene opina que "di moito do equipo que a pesar de non estar matematicamente salvado xogadoras moi boas, moi cotizadas, con equipos detrás, decidan quedar aquí. Di moito do Club, da aposta do Club pola nosa sección e do traballo diario que facemos todas. Isto pasou con Eva Dios, Ainhoa, Vera... e agora Millene. É un orgullo. Estou contentísimo por ela, por nós e oxalá que iso pase con todas as xogadoras que queremos que queden".

Pola súa banda, o Levante UD, que a semana pasada venceu por 2-3 ao Athletic Club en Lezama, é 14º con 23 puntos.

Na primeira volta disputada en ABANCA-RIAZOR o pasado 17 de xaneiro (15ª xornada) venceron As Nosas (1-0) con gol de Millene no minuto 50.

As granotas en casa nesta temporada gañaron ao UD Costa Adeje Tenerife Egatesa (2-0); empataron co Sevilla FC (0-0), RCD Espanyol (1-1) e FC Levante Badalona (1-1); e perderon co Athletic Club (0-1), Real Sociedad (1-2), FC Barcelona (1-4), Valencia Féminas (1-2), Granada CF (2-3), Real Madrid CF (1-2), Real Betis Balompié (1-2) e SD Eibar (1-2).

Anissa Lahmari, futbolista levantina, asegurou que mañá domingo "van ser tres puntos moi importantes para salvarnos en Liga F".

As Nosas realizaron este sábado, ás 8:30, unha última sesión de adestramento en Abegondo antes de partir de viaxe segundo esta folla de ruta:

Sábado 19 de abril
8:30: Adestramento en Abegondo
10:15: Saída en autocar ao Aeroporto de Asturias
14:05: Saída do voo do Aeroporto de Asturias con destino ao Aeroporto de Valencia
15:30 (horario aproximado): Chegada ao Aeroporto de Valencia e traslado ao Hotel Port Azafata

Domingo 20 de abril
12:00: Levante UD - Deportivo ABANCA, na Cidade Deportiva de Buñol
Ao concluír, regreso en autocar á Coruña

As Nosas adestraranse de novo en Abegondo o mércores 23 de abril ás 11:00 en Abegondo.