RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA conclúe este domingo ás 12:00 ante o "todopoderoso Barcelona" unha esixente semana de 3 partidos lonxe de ABANCA-RIAZOR

O Dépor ABANCA conclúe este domingo 9 de novembro ás 12:00 (Dazn) no Estadi Johan Cruyff unha esixente semana de tres partidos lonxe de ABANCA-RIAZOR ante o peor rival, o FC Barcelona.

Así aos desgastes propios dos dous partidos xa xogados hai que sumar os case 7.850 quilómetros nas pernas das futbolistas.

"Son 3 partidos fóra, con moita viaxe, pouca preparación para cada partido", advertiu Fran Alonso en rolda de prensa.

No entanto, o técnico deportivista asegura que o Dépor ABANCA está "con boas sensacións. Fixemos un bo partido o mércores (en Copa). Puidemos rotar o cadro. Xogadores que non tiveron moito protagonismo en liga tivérono. Iso axuda ás que tiveron minutos, ás que non tiveron".

Conclúe que "estamos nun bo momento, con moitas ganas de enfrontarnos ao todopoderoso FC Barcelona". 

As Nosas, coa derrota en Ipurúa ante a SD Eibar, chega ao choque en 13ª posición con 7 puntos pero coas boas sensacións do triunfo en Copa de la Reina ante o Guiniguada Apolinario CD (1-3).

É baixa para o encontro Paula Monteagudo debido a unha rotura do compoñente medial da fascia plantar do seu pé dereito.

Pola súa banda, FC Barcelona preséntase ante a súa afección após caer por 1-0 ante a Real Sociedad a pasada fin de semana. 

Fran Alonso lembra que as azulgrana teñen "lesións importantes como Salma Paralluelo, Ewa Pajor, Patri (Guijarro), Kika Nazareth... Son lesións importantes que minguan un pouco máis o seu cadro".

Despois da derrota, pensa o preparador deportivista que "van estar moito máis concentradas, máis motivadas independentemente do rival. Iso ponnos as cousas un pouco máis difíciles".

As azulgrana, con 5 das súas futbolistas nomeadas aos premios The Best, lideran a táboa con 24 puntos.

No Estadi Johan Cruyff esta temporada gañaron ao Alhama CF (8-0), Dux Logroño (4-0), RCD Espanyol (2-0) e Granada CF (2-0).

As Nosas adestráronse este mediodía no campo 6 do Dépor Training Center antes de viaxar a Barcelona segundo esta folla de ruta:

Sábado 8 de novembro
12:30: Adestramento no Dépor Training Center
15:45: Saída do autocar a Vigo
19:20: Saída do voo do Aeroporto de Vigo con destino ao Aeroporto de Barcelona - Josep Tarradellas
21:40 (horario aproximado): Chegada ao Aeroporto de Barcelona - Josep Tarradellas e aloxamento no Hotel Sercotel Porta Barcelona

Domingo 9 de novembro
12:00: FC Barcelona - Deportivo ABANCA, no Estadi Johan Cruyff
16:40: Saída do voo do Aeroporto de Barcelona - Josep Tarradellas con destino ao Aeroporto de Vigo
18:35 (horario aproximado): Chegada ao Aeroporto de Vigo e traslado á Coruña 

O próximo adestramento do Dépor ABANCA será o martes 11 de novembro ás 10:00 no Dépor Training Center.