O Dépor ABANCA inicia o ano 2023 con visítaa mañá sábado 7 de xaneiro ás 12:00 (Youtube RC Deportivo) do CD Alba Fundación Feminino, en partido correspondente á 13ª xornada en Primera Federación Iberdrola.
Segundo apunta Lois Novo, responsable de historia do RC Deportivo, o equipo branquiazul cumprirá mañá 300 partidos desde a súa fundación en 2016, cando o Club recuperou, case 30 anos despois da desaparición do Karbo Deportivo, o seu equipo feminino.
Desde o 30 de xullo de 2016, día en que as branquiazuis comezaron esta singradura cunha amigable fronte ao Portonovo SD (4-0) no campo 7 de Abegondo, o conxunto coruñés disputou até hoxe 299 encontros, 221 oficiais e 78 de carácter amigable.
Os 221 choques oficiais divídense en 55 na máxima categoría, 150 no segundo chanzo ligueiro (42 en Primera Federación Iberdrola, 30 en Reto Iberdrola grupo Norte e 78 en Segunda División Nacional Grupo 1), 1 en playout de Primera Federación Iberdrola, 8 en playoff de ascenso a Primeira División e 7 en Copa de la Reina. O balance do Deportivo ABANCA en partidos oficiais é de 136 vitorias, 32 empates e 53 derrotas, con 667 goles a favor e 244 en contra.
En canto aos 78 partidos amigables, o conxunto deportivista sumou 52 vitorias, 10 empates e 16 derrotas, con 301 tantos a favor e 69 en contra. O Deportivo ABANCA conquistou, entre outros trofeos amigables, 3 Teresa Herrera, 1 Emma Cuervo, 4 Copas Deputación e 3 Copas Galicia de 2ª División Nacional. Na listaxe de amigables hai que apuntar que se contabiliza como partido cada choque de 45 minutos en torneos 3 en 1, ao ser fronte a rivais diferentes, nos trofeos Concello de Friol 2017, Memorial Manuel Martínez Faraldo 2017 e Vila de Jovellanos 2019.
Así pois, o balance total nestes 299 partidos é de 188 vitorias, 42 empates e 69 derrotas, con 968 goles marcados e 313 encaixados.
Os resultados da última xornada do 2023, co triunfo deportivista en Tajonar fronte ao CD Fundación Osasuna Femenino (1-2), deixaron ás Nosas líderes do campionato con 29 puntos, con 2 puntos de vantaxe sobre o RCD Espanyol, 2º con 27 puntos.
Será o primeiro partido após o descanso do Nadal. Irene Ferreras subliñou ante os medios de comunicación que "o parón ben entendido sempre é bo" e confesa que "gocei moito das vacacións. Eran necesarias. Levabamos moitos meses de traballo. Independentemente de que teñas algún día solto non desconectas do todo ata que teñas varios días seguidos. Foi bo para todos".
Irene Ferreras, que ve ao seu equipo "concienciado da importancia de empezar ben após o Nadal", conta con todo o seu cadro fóra de Laurina e Ayaka, que quedou fóra por molestias nun xeonllo.
Por primeira vez, Lucía Rivas será a representante de #ANOSACANTEIRA. Esta internacional sub-16 é unha das promesas de Abegondo que renovaron estes últimos meses o seu contrato co Dépor, como Elena Vázquez, Marta Rico ou Paula Novo.
Pola súa banda, o CD Alba Fundación Femenino marcha en 7ª posición con 17 puntos. O conxunto albaceteño pechou o ano 2023 con empate sen goles (0-0) no seu campo ante o SE AEM.
Esta temporada lonxe da Cidade Deportiva Andrés Iniesta o CD Alba Fundación Femenino caeu co Cacereño Femenino (2-0) e FC Barcelona B (2-1); e empatou co Deportivo Alavés (1-1), Atlético de Madrid B (1-1), CE Europa (0-0) e CD Fundación Osasuna Femenino (1-1).
O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes de Abegondo.
Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.
Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.
O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir aos partidos, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición do aforamento nun proceso 100 % telemático.
Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.
Concluído o encontro, As Nosas adestraranse de novo o luns 8 de xaneiro a partir das 10:00 en Abegondo.