RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA dá outro paso de xigante cara á Liga F (1-0)

O Deportivo ABANCA deu outro paso de xigante cara á iga F ao descabalgar ao Alhama CF da loita polo único billete á división de honra nun partido duro e pechado, decidido grazas a un solitario tanto de Ainhoa Marín.

A gran novidade no once de Irene Ferreras foi Lucía Martínez, que debutou oficialmente despois de xogar a primeira media hora do amigable de hai dúas semanas ante o Athletic Club en Astorga (León).

Os primeiros minutos serviron para observar o respecto mútuo e para presenciar numerosos ataques visitantes que concluíron invalidados por fóra de xogo.

A primeira ocasión clara chegou no minuto 23, nun centro de Belén ao segundo pau para Bastida, que coa esquerda e con todo a favor, estrelou o coiro no lateral da rede. Cinco minutos despois, Yohana atrapou con seguridade unha falta directa afastada de Astrid, que buscou o bote previo para complicar a tarefa á porteira deportivista.

Con todo, na súa primeira oportunidade, o Dépor ABANCA adiantouse no marcador. Corría o minuto 29 cando Lucía Martínez inventou un gran pase en profundidade para Ainhoa Marín. A catalá disparou cruzado ante a saída de Laura Martínez, o coiro estrelouse no interior do pau contrario e introduciuse na portería murciana. Foi o terceiro gol no presente curso da '14', que alcanza os 25 coa camiseta branquiazul.

As coruñesas puideron ampliar distancias só tres minutos máis tarde, pero o disparo raso de Millene desde a frontal, buscando a cepa do pau esquerdo, detívoo Laura Martínez en fenomenal estirada.

A segunda metade comezou cunha boa acción do ataque coruñés. Lucía Martínez flotou cando a dobraba Cris Martínez e elixiu disparar en lugar de abrir á dereita. O seu disparo estrelouse no corpo dunha defensora murciana. Cinco minutos despois, Charle internouse con vantaxe na área pero unha defensa arrebatoulle o coiro cando armaba o seu disparo. Na acción seguinte, a colexiada non sinalou penalti nunha man moi clara de Estefa nunha falta colgada por Lucía Martínez.

No minuto 68, a árbitra si castigou ao Alhama CF, expulsando con vermella directa a Judith por unha patada ao xeonllo e consecuente derriba sobre Millene xusto na liña do centro do campo cando se ía soa.

Non abriu brecha o Dépor e veuse arriba o Alhama CF a pesar da súa inferioridade numérica. No minuto 74, a colexiada anulou por fóra de xogo un gol de Kuki, após cabecear unha falta lateral en clara posición ilegal. Cinco minutos máis tarde, Belén cabeceou frouxo un centro desde a dereita e Yohana detivo facilmente o esférico.

Tamén houbo gol anulado ao Dépor ABANCA. Foi no minuto 80, cando Millene remachou un servizo desde a dereita de ADT, que recibira en posición adiantada.

No minuto 82, Lía entrou ao terreo de xogo en lugar de Paula Gutiérrez. A xogadora coruñesa alcanzou así o centenar de partidos oficiais co primeiro equipo deportivista, converténdose na quinta futbolista en logralo após Cris Martínez (196), Gaby (117), Iris (107) e Peke (106).

Só uns segundos despois, ADT disparou alto á entrada da área despois de loitar con Astrid durante varios metros.

Na última xogada do partido, Gigi tivo nas súas botas o empate para o conxunto visitante. A porteira Laura Martínez colgou unha falta á área, a zaga coruñesa despexou en curto e o coiro caeu á xogadora visitante no punto de penalti, pero o seu dereitazo mordido e centrado o blocou a porteira deportivista.

Con esta vitoria, a terceira consecutiva e a cuarta nas últimas cinco xornadas, o Dépor ABANCA deixa practicamente fóra da pelexa polo ascenso ao seu rival de hoxe, que queda 12 puntos por baixo e co golaveraje perdido con só 18 puntos por xogar. Agora mesmo, o FC Barcelona B, que non pode ascender, é segundo a 8 puntos do Dépor ABANCA, mentres que o RCD Espanyol, terceiro e xa único rival polo ascenso directo, atópase a 9 puntos de distancia, aínda que xoga mañá en Cáceres o seu partido da presente xornada.

Deportivo ABANCA: Yohana, Cris Martínez (Samara, min. 71), Inés Altamira, Raquel García, Clara, Henar, Lucía Martínez, Paula Gutiérrez (Lía M., min. 82), Ainhoa Marín (Laurina, min. 82), Charle (Ana de Teresa, min. 58) e Millene.

Alhama CF: Laura Martínez, Alba Santamaría, Judith, Lena, Astrid, Sandra, Estefa (Medina, min. 74), Belén, Kuki (Gigi, min. 81), Bastida (Raquel Pinel, min. 81) e Paula Moreno (Núñez, min. 66).

Gol: 1-0 Ainhoa Marín (min. 29).

Árbitra: Melissa López Osorio (c. estremeño). Expulsou con vermella directa a Judith (min. 68). Cartón amarelo a Kuki (min. 8), Henar (min. 27), ao delegado deportivista César Conde (min. 41), Lucía Martínez (min. 45), Paula Moreno (min. 53), á adestradora branquiazul Irene Ferreras (min. 58), Clara (min. 72) e Belén (min. 84).

Incidencias: partido correspondente á 20ª xornada de Primera Federación Iberdrola disputado na Cidade Deportiva de Abegondo.

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK