RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA despídese ao grande da Primera Iberdrola (3-0)

O Deportivo ABANCA pechou o seu curso máis amargo cunha gran e incontestable vitoria sobre o Athletic Club, undécimo clasificado, nun partido definido a balón parado, con goles de Ainoa, de cabeza nun córner, e dous de Athenea, ambos desde o punto de penalti.

O primeiro terzo de encontro tivo un dominador claro no Dépor ABANCA que, con todo, non atopou a profundidade doutras ocasións. As oportunidades limitáronse a faltas colgadas á área que se pasearon pola mesma ou cuxos remates se toparon as pernas de xogadoras branquivermellas.

Con todo, xusto cando se cumpría a media hora de xogo, as pupilas de Manu Sánchez conseguiron abrir o marcador no seu primeiro remate claro entre os tres paus. Unha inapelable cabezada de Ainoa Campo nun córner botado por Lía supuxo o primeiro tanto da matinal en Abegondo.

Non tardou nin cinco minutos en ampliar a súa vantaxe o cadro branquiazul. A colexiada castigou con penalti unhas mans de Garazi a centro de Cris e a pena máxima transformouna Athenea no minuto 34.

O conxunto visitante apenas chegou con perigo nos primeiros 45 minutos. A súa mellor oportunidade produciuse no minuto 40, cando Azkona cabeceou no segundo pau superando a estirada de Sullastres, pero Blanco apareceu sobre a mesma liña de gol para afastar a pelota.

Na segunda parte, o desenvolvemento do partido seguiu polos mesmos camiños, ata que as branquiazuis sentenciaron a contenda co terceiro gol. Foi grazas a un novo penalti por mans, esta vez de Moraza a disparo de Athenea, que tamén transformou a dianteira cántabra. Corría o minuto 64.

A afección acababa de despedir con ovación ás substituídas Villegas, Lea e Peke, esta última máxima goleadora do equipo un ano máis con 10 dianas, e pouco despois fixo o mesmo coa bigoleadora deste mediodía, a internacional absoluta Athenea, que pechou o curso con 8 tantos, os mesmos que Alba Merino, hoxe ausente por unha lesión muscular nos isquiotibiais, que puido ser un máis de non disparar ao pau pouco antes de ser substituida.

No tramo final, algunhas das substitutas tiveron a oportunidade de ampliar a goleada. Michelle Romero fixo gala da súa gran velocidade cunha internada pola esquerda no minuto 84. O seu disparo rexeitouno a gardameta e o balón quedou morto ao bordo da área pequena, onde Tati non puido revolverse a tempo para enganchar a pelota. Tres minutos despois, a debutante Marta Rico enganchou un balón solto a 25 metros da portería cun potente zurdazo que se foi rozando o traveseiro.

Con esta vitoria, a oitava do curso, o Deportivo ABANCA conclúe a temporada con 29 puntos, nunha amarga 15ª posición, a primeira de descenso, a catro puntos da SD Eibar, primeiro conxunto na zona de permanencia.

Deportivo ABANCA: Sullastres, Cris, Blanco (Marta Rico, min. 85), Iris, Villegas (Patri López, min. 62), Gaby, Bedoya, Ainoa, Lía (Eva Dios, min. 62), Peke (Michelle Romero, min. 62) e Athenea (Tati, min. 81).

Athletic Club: Andere Leguina, Oihane (Arana, min. 79), Valdezate, Garazi, Eunate, Istillart (Nerea Nevado, min. 61), Oguiza, Monente (Jone Ibáñez, min. 46), Azkona (Andrea Sierra, min. 61), Lucía García e María Díaz (Moraza, min. 46).

Goles: 1-0 Ainoa (min. 30); 2-0 Athenea, de penalti (min. 34); 3-0 Athenea, de penalti (min. 64).

Árbitra: Peñalver Pearce (c. balear). Cartón amarelo a Moraza (min. 64).

Incidencias: partido da 34ª e última xornada de Primera Iberdrola disputado en Abegondo con asistencia limitada a 150 espectadores debido á pandemia de COVID-19.