O Deportivo ABANCA quedou apeado da Copa da Raíña ao perder en Abegondo pola mínima fronte ao Granada CF, que desnivelou un equilibrado encontro cun postremeiro tanto ao contragolpe.
A primeira parte estivo presidida polas imprecisións nun e outro bando, o que se traduciu en escasas oportunidades de gol por parte de ambos os equipos.
Estas chegaron en accións illadas, como as dúas primeiras e máis claras. En primeiro lugar golpeou o Dépor ABANCA, no minuto 10, cun tremendo disparo de Carlota desde 25 metros que bateu na parte inferior do traveseiro e botou sobre a mesma liña de gol. O Granada CF respondeu tres minutos despois, nunha veloz internada pola dereita de Laura Pérez, que xa dentro da área recortou a Inés e case sen ángulo buscou portería, despexando Sampalo, áxil de reflexos, a córner. Na acción do saque de esquina, o colexiado anulou un gol ao conxunto granadino por fóra de xogo na acción previa.
O encontro desenvolvíase na súa maior parte na zona ancha, sen control de ningún equipo e con superioridade das defensas cando o coiro merodeaba as súas respectivas áreas. Isto cambiou durante cinco minutos ao fío da media hora de xogo. No minuto 26, un contragolpe visitante de novo pola dereita acabou cun cambio de orientación para Yurena, que disparou desde a frontal da área a mans de Sampalo. Uns segundos máis tarde, Adule gañou o corpo a corpo a Marta Carrasco e disparou á media volta desde a frontal da área, a mans de Andrea Romero. Recentemente superada a media hora, un libre directo afastado de María Ruiz marchouse rozando o pau dereito da portería andaluza.
Un disparo afastado de Lauri a mans de Sampalo e unha cabezada con todo a favor que Patri Mascaró mandou ás nubes abriron a segunda metade cun Granada CF en principio máis dominador. Eses cinco minutos iniciais foron un espellismo, posto que o Dépor ABANCA fíxose rapidamente coa pelota e o dominio territorial.
No minuto 53, Patri López disparou moi desviado desde a frontal da área. Dous minutos despois, o colexiado non castigou con penalti unha clara man dentro da área granadina. As xogadoras de Miguel Llorente encerraron ao seu rival aínda que non eran capaces de xerar oportunidades demasiado claras. A mellor tívoa María Ruiz, que lanzada en profundidade pola esquerda por Eva Dios disparou cruzado superando á porteira nazarí, pero atopouse coa lateral esquerda Carol, que despexou o esférico practicamente baixo paus. Corría o minuto 79. Dous despois, Carlota volveuno a tentar cun lanzamento afastado que se dirixía ao mesmo recanto, onde sorprendentemente chegou Andrea Romero para evitar o tanto.
Con todo, un Granada CF practicamente inofensivo atopou espazos nun balón longo ás costas de Patri López, por onde avanzou Lauri antes de poñer un balón perfecto ao segundo pau para a chegada de Patri Mascaró que, lanzándose ao chan, fusilou a Sampalo.
As branquiazuis tentárono sen éxito nos minutos finais, nos que tampouco engarzaron algunha xogada que xerase unha situación de perigo ante o marco granadino.
Deportivo ABANCA: Sampalo, Patri López, Inés Altamira, Raquel García, Goretti (Cris, min. 46), Paula Gutiérrez, Carlota, Tati (Ainhoa Marín, min. 75), Alejandra Serrano, María Ruiz e Adule (Eva Dios, min. 69).
Granada CF: Andrea Romero, Alba Pérez, Marta Carrasco, Cristina Moreno, Carol, Inés Faddi (Pamela González, min. 64), Noe Salas, Laura Pérez (Alicia Redondo, min. 75), Lauri (Postigo, min. 85), Yurena (Nerea Agüero, min. 46) e Elo (Patri Mascaró, min. 46).
Gol: 0-1 Patri Mascaró (min. 84).
Árbitro: Méndez López (c. galego). Cartón amarelo a Paula Gutiérrez (min. 39), Lauri (min. 42) e Pamela González (min. 69).
Incidencias: partido da segunda eliminatoria da Copa da Raíña disputado en Abegondo ante 200 espectadores.
