O Dépor ABANCA exhibiu a súa competitividade e igualou (1-1) esta tarde ante a SD Eibar de Liga F, máxima categoría do fútbol español, na penúltima cita de pretemporada antes de arrincar a competición en Primera Federación Iberdrola, no estadio Nou Sardenya de Barcelona o domingo 10 de setembro ás 11:00 horas ante a CE Europa.
O amigable disputouse no campo Sergio Sánchez López 'Pepio' da localidade asturiana de El Berrón.
Coas baixas de Ainhoa Marín e Inés Altamira, esta a consecuencia dunhas molestias na fascia plantar, Irene Ferreras si puido dar algún minuto de xogo a ADT (Ana de Teresa), importante de cara a coller ritmo de cara á liga.
Até a data, dúas vitorias (ante Deportivo Alavés Gloriosas e Real Oviedo Feminino) e outras dúas derrotas (fronte a SC Braga e Sporting CP) eran o balance das Nosas; iso si, positivo en canto a sensacións.
Pola súa banda, o conxunto armero das ex deportivistas Jone e Andrea Sierra, chegaba ao choque após igualar o pasado xoves co UDG Tenerife (0-0) na localidade navarra de Tafalla. Anteriormente, a SD Eibar dobregara ao Athletic Club (0-2), Deportivo Alavés Gloriosas (1-0) e CDF Osasuna Feminino (3-0); e empatara (1-1) co Athletic Club.
O partido en El Berrón non tivo un dominador claro e quizais estivo condicionado polo estado do terreo de xogo, demasiado brando a consecuencia das choivas.
Empezaron ben As Nosas, que se puxeron por diante no marcador grazas a un gol de Millene aos 5 minutos. De Ayaka foi a segunda oportunidade á media hora, pero o seu lanzamento de falta desde a frontal marchouse demasiado alto.
As eibarresas puideron empatar aos 41 minutos, nun man a man de Nati coa porteira branquiazul Lucía, salvadora cunha gran intervención.
Após o paso polo vestiario e co carrusel de cambios lóxico en pretemporada nos dous equipos, igualou a SD Eibar no minuto 73 nun tanto de Zaira Flores desde fóra da área.
Un minuto máis tarde, de novo Millene puido anotar o segundo do Dépor ABANCA pero o seu disparo desde fóra da área marchouse desviado.
No entanto, as vascas tiveron a opción de levar o partido no minuto 77, pero a gardameta deportivista Lucía, protagonista sen dúbida do choque, detivo un penalti a Nati.
Ao final empate pero continúan as boas sensacións no Deportivo ABANCA.
Deportivo ABANCA: Lucía, Cris Martínez, Raquel, Elena Vázquez, Paula Monteagudo, Henar, Ayaka, Paula Gutiérrez, Eva Dios, Laurina e Millene. Tamén xogaron: ADT, Sara Debén, Samara, Clara Rodríguez, Marta Charle, Lía, Carmen Carballada e Carlota.
Finalizado este amigable, As Nosas descansan mañá luns 28 e vólvense a adestrar o martes 29 a partir das 10:00 horas en Abegondo.
