RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA mantén a súa vantaxe en pos do ascenso ante máis de 7.000 deportivistas en ABANCA-RIAZOR (1-1)

O Deportivo ABANCA congregou a máis de 7.000 deportivistas en ABANCA-RIAZOR, onde non puido pasar do empate fronte a un CE Europa ao que se mostrou superior desde o asubío inicial. A pesar de non lograr a vitoria, as branquiazuis manteñen a posición que dá o ascenso á máxima categoría coa mesma vantaxe, 4 puntos, cando xa só restan 9 por disputar.

As branquiazuis dominaron o encontro de punta a cabo, pero non tiveron o seu mellor día no remate a portería.

A pesar de todo, e despois duns minutos nos que o Dépor ABANCA merodeou a área visitante constantemente, o primeiro disparo claro non chegou até superado o ecuador da primeira metade. Foi un dereitazo de Millene desde o bordo da área que se foi alto.

Correu a mesma sorte un lanzamento de Lucía Martínez no minuto 30 desde a media lúa, que acabou en córner após rozar unha defensa contraria. No saque de esquina, ADT cabeceou en posición vantaxosa, pero tamén enviou o esférico por riba do traveseiro.

No minuto 38, Raquel García cabeceou un saque de esquina que sacou a córner Janet. Nese mesmo córner chegou unha nova cabezada da central madrileña, esta vez desviada. Paula tentouno cun zurdazo raso, no minuto 42, que se perdeu excesivamente cruzado por poucos centímetros. E a piques de chegar ao descanso, Ainhoa Marín gañou a liña de fondo pero non atopou rematadora e o seu pase foise a un novo saque de esquina, que rematou de cabeza Inés Altamira, lixeiramente desviado.

A segunda parte comezou cun serio aviso por parte do CE Europa. Un potente dereitazo cruzado de Bové foise rozando o pau esquerdo da meta de Yohana. Reaccionou o Dépor ABANCA, rematando por enésima vez o seu enésimo saque de esquina. Esta vez foi Millene que, completamente soa, rematou desviado á esquerda do portal barcelonés.

A brasileira dispuxo da mellor ocasión no minuto 56. A '10' deportivista quedou man a man con Janet, regateou á porteira e cedeu cara ao centro para Ainhoa, que cando quixo controlar a pelota escorregou, perdendo a oportunidade de marcar practicamente a porta baleira.

Cinco minutos despois, Yohana abortou outra oportunidade visitante, cando desviou a córner un disparo bombeado de Bové que se coaba preto do traveseiro.

Ainhoa Marín adiantou ao Dépor ABANCA no minuto 67. A dianteira catalá lanzouse ao chan para gañar un balón solto no punto de penalti e levalo ao fondo das mallas, após un potente dereitazo de Raquel García ao cabo dunha longa xogada de ataque iniciada nunha falta colgada á área por Lucía Martínez. Foi cuarto tanto da temporada para '14' a branquiazul.

A partir de aí, o Dépor ABANCA dispuxo de varias opcións para sentenciar o duelo. No minuto 71, ADT disparou de socato contra Janet despois dun pase de Clara desde liña de fondo. No 77, a dianteira ibicenca estrelou unha falta directa no traveseiro e Raquel García rematou fóra de cabeza o balón rexeitado pola madeira.

O xerro de auga fría chegou no minuto 83, co tanto do empate visitante. Centrou Manau desde o extremo dereito, Raquel García lanzouse para cortar o centro e o coiro quedou en curto para Ibra, que fusilou a Yohana.

Nos minutos finais, tentouno de todas as maneiras o conxunto de Irene Ferreras. Un canonazo de Inés Altamira non puido atrapalo a porteira pero ADT non chegou por pouco ao rexeite. E Paula Gutiérrez inventouse un zurdazo desde a frontal que detivo Janet.

Co empate final, o Dépor ABANCA suma 49 puntos, mantendo os 4 de vantaxe sobre o RCD Espanyol, que tamén empatou nesta xornada, onte sábado en campo do Alavés Gloriosas (0-0). Por diante, con 51 puntos, o FC Barcelona B, que goleou ao Alhama CF (4-0) pero non pode ascender á máxima categoría.

Nas 3 últimas xornadas, o Dépor ABANCA visita ao Athletic B, recibe ao CP Cacereño Feminino e viaxa a Albacete. Pola súa banda, o conxunto españolista recibe ao Madrid CFF B, visita ao líder FC Barcelona B e acaba o campionato no seu campo ante o Atlético de Madrid B.

Deportivo ABANCA: Yohana, Cris Martínez (Eva Dios, min. 86), Inés Altamira, Raquel García, Clara, Henar, Lucía Martínez, Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín (Samara, min. 77), Ana de Teresa e Millene (Lucía Rivas, min. 60).

CE Europa: Janet, Sara Navarro (Albeta, min. 82), Chami, Beta (Queralt, min. 72), Ramos, Aina, Ranna Ohara, Clara (Manau, min. 72), Sílvia (Ibra, min. 46), Bové e Fati (Júlia, min. 46).

Goles: 1-0 Ainhoa Marín (min. 67); 1-1 Ibra (min. 83).

Árbitra: Paula Porcuna Sánchez (c. madrileño). Cartón amarelo a Aina (min. 22), Bové (min. 81) e Júlia (min. 90+1).

Incidencias: partido correspondente á 23ª xornada de Primera Federación Iberdrola disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 7.527 espectadores.

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK