RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA pecha 2023 en todo o alto (1-2)

O Deportivo ABANCA impúxose en Pamplona ao CDF Osasuna Femenino grazas a un dobrete de Millene co que as branquiazuis pechan 2023 no máis alto da táboa.

O primeiro cuarto de partido deixou un Dépor ABANCA dominador, a pesar de non estar habituado a xogar nunha superficie artificial como a de Tajonar. Con todo, apenas xerou chegadas claras á área, algo que tampouco puido facer un conxunto pamplonica que empezara máis esperto e vivo que as coruñesas.

O conxunto branquiazul adiantouse no marcador no minuto 26, nunha brillante acción individual de Millene, que baixou de costas a portería e dentro da área un balón longo cun control orientado para desfacerse da súa marcadora. Cando enfilou a portería saíu a outra central ao seu paso, cun caneo cara á súa dereita sacoulla de enmedio e cun dereitazo raso cara ao pau máis próximo bateu a unha Maitane que só puido facer a estatua.

Só cinco minutos despois, no 31, Millene ampliou distancias ao culminar a pracer un perfecto contragolpe conducido pola dereita por Cris Martínez e Ainhoa Marín. Con este segundo tanto, a dianteira brasileira empolicouse ao top-10 de goleadoras branquiazuis en partidos oficiais, igualando os 17 cos que Miriam e Jone Bilbao comparten a novena posición no ranking histórico.

A '10' deportivista tivo a opción de asinar un veloz 'hat-trick' no minuto 37, pero o seu disparo desde a media lúa, após unha acción individual de Raquel García que saíu a cortar un balón dividido en mediocampo, foise rozando o traveseiro.

Saíu con todo o equipo navarro tralo descanso, para volver ao partido canto antes. No minuto 49, unha cabezada de Valero nunha falta lateral desviouna Yohana a córner. No 53, a lateral dereita Aitana inventouse un dereitazo afastado que após superar á porteira deportivista estrelouse na madeira. E ao fío da hora de xogo, Nahia Azpiazu cabeceou un balón chovido do ceo a mans de Yohana.

Durante uns minutos, o Dépor ABANCA recuperou o control do partido, até que no minuto 69 volveu acariñar o gol o CDF Osasuna Femenino, nunha nova acción a balón parado. Unha falta lateral que de novo Valero cabeceou rozando o pau esquerdo da meta coruñesa.

Paula Gutiérrez respondeu o minuto 77 pero a veloz acción de ataque deportivista diluíuse nun zurdazo frouxo da catalá á entrada da área que blocou facilmente Maitane.

As esperanzas pamplonicas renaceron no minuto 84, cando Josune remachou na área pequena un balón morto á saída dun córner que ninguén fora capaz de despexar ou rematar.

Os minutos finais foron de sufrimento para o conxunto herculino. Máis aínda porque no minuto 86 produciuse un penalti clarísimo sobre Ainhoa da porteira Maitane que a colexiada, a pesar de seguir de preto a acción, non sinalou. No tempo engadido entrou Lía por Paula Gutiérrez, co que a xogadora coruñesa iguala os 92 partidos oficiais como branquiazul de Teresa Abelleira, na quinta posición do ranking histórico do Dépor ABANCA. As xogadoras locais presionaron, colgando moitos balóns durante os case 5 minutos de prolongación, pero Yohana e a súa defensa estiveron seguras para pechar o paso ao equipo navarro e asegurarse a vitoria.

O Dépor ABANCA alcanza así os 29 puntos após 12 xornadas. As branquiazuis son líderes provisionais con 3 puntos de vantaxe sobre o RCD Espanyol, que visita mañá ao Madrid CFF B. Así que, fagan o que fagan mañá as 'pericas', concluirán o ano 2023 no máis alto da táboa. O seguinte partido será o domingo 7 de xaneiro de 2024 en Abegondo fronte ao CD Alba Fundación Femenino.

CDF Osasuna Femenino: Maitane, Aitana, Josune, Vera, Saioa (Merche Izal, min. 88), Nahia Azpiazu (Vanessa, min. 78), Iara, Valero, Elena Valej (Alexia Jr., min. 67), Carmen (Vilariño, min. 78) e Guallar (Ari Sánchez, min. 78).

Deportivo ABANCA: Yohana, Cris Martínez, Inés Altamira, Raquel García, Sara, Henar, Ayaka, Ainhoa Marín, Paula Gutiérrez (Lía, min. 90+1), Ana de Teresa e Millene (Samara, min. 79).

Goles: 0-1 Millene (min. 26); 0-2 Millene (min. 31); 1-2 Josune (min. 84).

Árbitra: Josefa Sánchez Gómez (c. cántabro). Expulsou ao preparador físico deportivista Manu Posse (min. 87). Cartón amarelo a Henar (min. 8), Elena Valej (min. 16), Valero (min. 63), ao segundo adestrador deportivista Kike Machado (min. 69), Josune (min. 78), Vera (min. 81) e Guallar (min. 82).

Incidencias: partido correspondente á 12ª xornada de Primera Federación Iberdrola disputado no campo A2 da Ciudad Deportiva de Tajonar.