RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA pecha unha esixente pretemporada mañá domingo ante o Real Madrid CF

O Dépor ABANCA concluirá a pretemporada máis esixente da súa historia mañá domingo 1 de setembro ante o Real Madrid CF.

Desde que arrincaron os adestramentos alá polo 25 de xullo, As Nosas fóronse enfrontando a rivais de Primera División tanto españois (Athletic Club, SD Eibar, Valencia CF e Real Madrid CF) como portugueses (SC Braga e Sporting CP). A única excepción foi a do Real Oviedo Femenino de Segunda Federación.

O partido entre deportivistas e madridistas estaba fixado para as 11:00 horas en Viveiro co Trofeo Cantarrana en xogo pero o mal estado do céspede de Cantarrana debido ás choivas provocou que o encontro se dispute finalmente ás 12:00 na Cidade Deportiva de Abegondo, a porta pechada.

Son baixa por lesión Henar, Ainhoa Marín e Lucía Rivas, que protagonizou a mala noticia do ano coa súa grave lesión de xeonllo que a terá apartada dos terreos de xogo varios meses.

Ademais, Marina Artero, Olaya Enrique e Michi Apóstol están concentradas de cara ao Campionato do Mundo sub-20 de Colombia.

Paula Novo, Carmen Carballada, Elena Vázquez e Laura Ruiz son as canteirás que completan a convocatoria de Irene Ferreras para o partido.

Pola súa banda, o Real Madrid CF das ex deportivistas Athenea, Teresa Abelleira e Misa, empatou (1-1) no seu último amigable disputado o pasado 26 de agosto en Valdebebas ante o Madrid CFF. Tamén saldou con igualada (1-1) a súa visita ao Costa Adeje Tenerife Egatesa con motivo do Trofeo Teide.

Alberto Toril, o seu adestrador, é optimista de cara á temporada: "Temos unha boa base de xogadoras e imos facer un equipo potente".

Cualifica o choque ante o Dépor ABANCA como "unha boa proba. É un rival da nosa categoría. Imos tentar gozar, ir mellorando en cousas que non fixemos ben o outro día pero imos en boa liña".

Finalizado o encontro, As Nosas adestraranse de novo en Abegondo o luns 2 de setembro a partir das 11:00 horas.

GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK