RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA, que espera o alento de ANOSAFORZA en ABANCA-RIAZOR, busca mañá sábado ás 12:00 ante o Granada CF "unha vitoria importantísima para o noso obxectivo"

O Dépor ABANCA enfróntase en ABANCA-RIAZOR mañá sábado 26 de abril ás 12:00 (Dazn) ao Granada CF, en partido correspondente á 27ª xornada da Liga F.

Os resultados da última xornada, coa derrota en Buñol ante o Levante UD (2-1), deixaron ás Nosas na 13ª posición con 26 puntos.

Fran Alonso, en rolda de prensa, cualifica o partido como unha "final especial porque cando vimos de derrota para nós é moitísimo máis importante recuperar sensacións, sobre todo en tema de resultados".

O técnico deportivista asegura que "puxemos moito esforzo esta semana. Sempre o pomos pero esta semana un pouco máis porque é o penúltimo partido en ABANCA-RIAZOR. E para nós unha vitoria sería importantísima de cara ao noso obxectivo".

Espera que "#ANOSAFORZA veña e apóienos nun partido tan importante" e que "todas xuntas podamos dar ese gran paso cara ao noso obxectivo".

Causan baixa ademais de Henar e Cristina Martínez a gardameta Inês Pereira, sancionada por acumulación de amoestacións.

Sobre a internacional portuguesa Fran Alonso opina que "é unha das mellores porteiras da liga. Deunos moitísimo pero temos moita confianza en Yohana. Leva 3 semanas adestrando a un nivel moi alto".

Conclúe que a ausencia de Inês Pereira "non nos vai a afectar para nada o plan de partido".

Pola súa banda, o Granada CF é 5º na táboa con 42 puntos.

Na primeira volta disputada na Cidade Deportiva granadina o pasado 8 de decembro de 2024 (12ª xornada) venceron as andaluzas por 5-0.

Lonxe do seu campo esta temporada o Granada CF gañou ao Valencia Féminas (0-2), Levante UD (2-3), FC Levante Badalona (0-2), Real Betis Féminas (1-3), Sevilla FC (0-2) e UD Costa Adeje Tenerife Egatesa (1-2); empatou coa SD Eibar (0-0); e caeu co Atlético de Madrid (2-0), Athletic Club (2-1), FC Barcelona (10-1), RCD Espanyol (1-0), Real Madrid CF (3-1) e Madrid CFF (3-1).

Arturo Ruiz, técnico andaluz, asegura que o seu cadro está "coa motivación que afai para afrontar este partido en ABANCA-RIAZOR".

Agradece ao Dépor por ser "un dos clubs que abre o seu estadio para os partidos. Motívanos moito xogar alí. É un equipo que foi crecendo ao longo da temporada. Ascendeu a campaña pasada. Está moi preto de conseguir o seu obxectivo que é a permanencia e vai ser un partido que pode ser importante para elas. Pero tamén o é para nós".

Finalizado o encontro, As Nosas adestraranse de novo o domingo 27 de abril ás 10:40 en Abegondo.