RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA ve cortada en seco a súa remontada

Facendo caso á máxima de que se algo funciona, mellor non tocalo, Manu Sánchez repetiu once inicial após a vitoria ampla da pasada fin de semana en Abegondo fronte ao Rayo Vallecano. Por diante, un novo partido clave para continuar coa escalada nun campo histórico do fútbol español en condicións magníficas para un partido que prometía emocións.

A primeira aproximación foi para o Logroño por banda esquerda nun centro directamente fóra. A resposta un pase en profundidade para Athenea ante o que estivo máis rápida Tajonar aos pés da cántabra que, instantes despois forzou o primeiro corner do encontro. Á saída, Blanco, de cabeza, obrigou a intervir á gardameta local na primeira acción entre o tres paus do partido. Varios saques de esquina a favor e un saque de porta prolongado por Gaby para que Athenea á carreira non puidese xerar unha ocasión nuns primeiros minutos nos que o dominio foi deportivista e o primeiro susto tamén, con Villegas sendo atendida polos servizos médicos do equipo.

Pese ao arranque branquiazul a primeira chegada local transformouse en gol nunha diagonal desde o lado dereito que atopou a entrada da extremo esquerdo local e a definición de Ida ao pau longo de Esther. O primeiro cuarto de hora do partido foi o mellor resumo do resto do encontro.

As Nosas continuaron coa mesma actitude após o gol rioxano, con Ainoa rematando a un metro da portería, xerando unha nova ocasión para o Dépor ABANCA. A mobilidade das xogadoras de ataque seguiu permitindo achegamentos á zona de perigo local pero sen definir as xogadas nin xerar ocasións claras de perigo até a que tivo Athenea camiño do 35 que obrigou a intervir a Tajonar. Gaby de córner, Merino nun centro chute que se marchou alto e Eva Dios en xogada persoal, crearon o tres últimas ocasións visitantes antes do descanso, ao que se chegou cun resultado que non reflectía o visto na capital rioxana a pesar de que no desenlace Sullastres tivo que intervir e despexar a saque de esquina unha aproximación local.

A continuación comezou como a primeira parte, con balón para o Dépor e, do mesmo xeito, o acerto para o Logroño aproveitando dous erros atrás do Dépor ABANCA que acabou definindo Elloh no man a man ante Sullastres. Athenea volveu obrigar a Tajonar a intervir na procura de volver meterse nun partido no que o Dépor sempre estivo metido a pesar dos golpes en contra.

Puido resolver Sullastres saíndo aos pés das atacantes rioxanas despois de moitos minutos nos que as chegadas se sucederon, sobre todo en área local, pero sen esa claridade de ideas necesaria nos metros finais para volver recuperar o pulso do marcador. A máis clara foi para Stephannie ao estrelar no traveseiro un balón con aínda un cuarto de hora por diante para buscar polo menos un punto que non chegou, como si o fixo o terceiro gol rojillo nun balón peiteado que acabou empuxando ao fondo da portería Inés Altamira para pór o 3-0 definitivo no marcador. Un resultado contundente que corta en seco a remontada das Deportivistas en vésperas dun complicado partido en Abegondo fronte ao Real Madrid e un calendario pouco favorable sobre o papel.

EDF Logroño: Tajonar, Caracas, Ballesté, Inés, Valdera, Nyman (Carol Marín, min. 46), Chini (Valeria, min. 90), Tavlo, Ida Guehai (Judith, min. 74), Elloh e Jade (Cynthia, min. 82)

Dépor ABANCA: Sullastres, Cris, Blanco, Iris, Villegas, Eva Dios (Michelle Romero, min. 70), Ainoa, Alba (Lady, min. 80), Gaby, Peke e Athenea

Goles: 1-0 Ida Guehai (min. 14); 2-0 Elloh (min. 49); 3-0 Inés Altamira (min. 86)

Árbitra: Gallastegui Pérez (c. Vasco). Amoestou a Alba Merino (min. 29), Ballesté (min. 61) e Athenea (min. 90+3)

Incidencias: partido da 23ª xornada de Primera Iberdrola disputado nas Gaunas con aforamento reducido.