O Deportivo ABANCA mantén o liderado de Primera Federación Iberdrola despois de impoñerse á súa besta negra, un CP Cacereño Femenino ao que aínda que eliminou na semifinal do playoff do pasado curso, non puido gañarlle ningún dos 4 partidos. As branquiazuis plasmaron a súa superioridade con dous goles na segunda metade, o primeiro a balón parado e o segundo sacando proveito dun erro do equipo rival.
O Dépor ABANCA arrancou en quinta velocidade, cunha internada de Ainhoa Marín, que disparou cruzado e raso moi preto do pau dereito da meta local, cando só transcorreran 37 segundos desde o asubío inicial.
O Deportivo dominou territorialmente e en canto a posesión do balón, pero non foi capaz de crear ocasións. O seguinte achegamento claro chegou no minuto 19, cando Carlota buscou un balón na interior da área, polo centro da mesma, e foi claramente derrubada por María Jesús. A colexiada, con todo, non sinalou penalti.
Á media hora, Ainhoa Marín recolleu na área un centro de Elena e o seu disparo coa zurda rozouno a porteira Delia o xusto para desviar a pelota a saque de esquina.
O único disparo perigoso do conxunto local chegou na última xogada da primeira parte. Foi un centro-chute de Esther que se complicou para Lucía por culpa do vento. A pelota foise por escasos centímetros por riba do traveseiro.
Na segunda metade, o Dépor ABANCA plasmou a súa superioridade. A primeira oportunidade chegou a balón parado e traduciuse no primeiro gol do encontro. Corría o minuto 50 cando Elena colgou unha falta cometida sobre Henar na súa enésima recuperación. O balón cabeceouno no segundo pau Raquel García, estrelándoo no traveseiro. O rexeite buscouno Inés Altamira que tamén de cabeza empuxou o esférico ao fondo das mallas. Foi o segundo tanto da defensa central no que vai de campaña.
Pouco despois, de novo Raquel García cabeceou con perigo, esta vez un córner, pero a pelota foise rozando o traveseiro. No minuto 62, un rápido e preciso contragolpe coruñés acabou cunha volea alta de Carlota.
No minuto 66, de novo Henar estivo presente na orixe dun gol. A asturiana fíxose en mediocampo cun mal pase da porteira estremeña, meteu o balón para Millene que se virou e atopou no extremo esquerdo, cun preciso servizo por riba das centrais, a Ainhoa Marín. A catalá bateu a Delia sobre a súa saída para facer o seu primeiro gol esta temporada.
Cos dous goles de vantaxe, o Dépor ABANCA controlou o partido a pesar de que nos minutos finais o conxunto local apertou en busca da remontada. Antes, aínda tivo Ayaka a oportunidade de facer o terceiro ante as súas ex compañeiras. Unha falta directa lanzada pola nipoa desde 25 metros sacouna Delia cando se coaba practicamente polo recanto.
No minuto 81, un despexe de Inés Altamira a centro desde a esquerda da chilena Sonya Keefe case sorprendeu a Lucía, rápida para chegar á base do pau e desviar a córner. No minuto 87, a propia Inés Altamira despexou sobre a mesma liña de gol un balón que estrelara Sonya Keefe no pau esquerdo da meta branquiazul.
O Dépor ABANCA sumou así a súa sexta vitoria en 7 xornadas. Con 18 puntos, o conxunto herculino mantén o liderado de Primera Federación Iberdrola, por diante de Alhama CF e RCD Espanyol, con 16 puntos. As branquiazuis, que sumaron a súa segunda porta a cero consecutiva, só encaixaron 4 goles en 7 partidos.
CP Cacereño Feminino: Delia, María Jesús, Mireia, Leivis Ramos, Midori Yoshimura (Hannah Kroupa, min. 85), Acedo, María Hernández (Manoly Baquerizo, min. 63), Nerea (Becky Cassin, min. 63), Angie Castañeda, Rana Okuma (Sonya Keefe, min. 73) e Esther.
Deportivo ABANCA: Lucía, Cris Martínez (Samara, min. 63), Inés Altamira, Raquel García, Elena, Henar, Ayaka, Ainhoa Marín, Paula Gutiérrez (Ana de Teresa, min. 74), Carlota (Laurina, min. 63) e Millene (Lía, min. 82).
Goles: 0-1 Inés Altamira (min. 50); 0-2 Ainhoa Marín (min. 66).
Árbitra: Lorena del Mar Trujillano Gallardo (c. andaluz). Cartón amarelo a Acedo (min. 16) e ao segundo adestrador do Dépor ABANCA, Kike Machado (min. 90).
Incidencias: partido correspondente á 7ª xornada de Primera Federación Iberdrola disputado no campo 1 dos Campos Federativos Manuel Sánchez Delgado, en Cáceres.