RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA visita mañá ao Granada CF na ida da final, sabedor "do ambiente de festa" que respira a cidade andaluza

O Dépor ABANCA visita mañá sábado 3 de xuño (20:00 horas, Youtube GranadaCFtv) no Estadio Nuevo Los Cármenes ao Granada CF no partido de ida da final polo ascenso á Liga F.

O equipo deportivista chega a esta última eliminatoria despois de eliminar nunha dura semifinal ao CP Cacereño Femenino: 0-0 en Estremadura e 1-1 en Abegondo. As branquiazuis fixeron valer a súa mellor clasificación na liga (terceiras, por sextas as cacereñas) para pasar á seguinte rolda xa que non hai lanzamentos desde o punto de penalti en caso de igualada.

Para o partido de mañá sábado, Irene Ferreras poderá contar con todo o seu cadro; incluída a canteirá Paula Monteagudo.

Pola súa banda, o Granada CF, que acabou a liga en 5ª posición con 3 puntos menos que o Dépor ABANCA, eliminou con autoridade ao CDF Osasuna Femenino que quedara en 4ª posición na temporada a 1 punto das Nosas: 2-0 en Granada e 0-3 en Tajonar foron os resultados desta semifinal.

O equipo nazarí fixo un chamamento á súa afección a través das súas redes sociais para o partido de ida, que se xogará no Estadio Nuevo Los Cármenes, escenario dunha gran competición de Copa ao eliminar a dous 'primeiras': Real Betis en terceira eliminatoria (3-1) e Deportivo Alavés (1-0) antes de caer en cuartos (0-3) co Atlético de Madrid. Sobre o estadio, Irene Ferreras, adestradora branquiazul, destaca que "imos ter a fortuna de compartir esa experiencia, que para nós é súper ilusionante e motívanos moitísimo. Elas si teñen experiencias previas (no Nuevo Los Cármenes) con moi bos resultados porque eliminaron (na Copa) a dous equipos de Primeira División. O noso factor campo, Abegondo, é a nosa fortaleza; e elas si teñen esas experiencias, eses recordos".

Advirte que en Granada "os rapaces acaban de subir, vai ser un ambiente de festa, tentarán meter o maior número de xente posible. Imos adaptarnos a iso, que esa situación non nos impoña senón que para min é unha vivencia para todas as futbolistas única. E a partir de aí pensar en fútbol".

Por contra, o técnico granadino Roger Lamesa manifestou que "a sensación que sentimos é indescritible pola sinxela razón de que adestrar aquí e ver as caras das futbolistas, compañeiros de staff, persoal de apoio, Dirección Deportiva, Secretaría Técnica... ver a cara de ilusión de todo o grupo é impagable. Temos que dar as grazas ao Club. Démoslla desde principio de temporada porque como se involucraron no proxecto do feminino é incrible. Que nos dean a posibilidade non só de gozar tanto dun estadio como é Los Cármenes e poder gozar del para preparar os partidos fai que sexa indescritible as caras de ilusión que viamos hoxe".

Presume dunha "unión de equipo enorme, que co paso das semanas converteuse en ilusión. A nosa máxima foi desde o primeiro día pelexar moitísimo por esa permanencia. Conseguímola dunha maneira folgada e demostramos ser moi competitivas en todas as competicións".

Do Dépor ABANCA afirmou que "as propias xogadoras transmiten que despois do Eibar é o que máis se mereceu ascender. É un equipo que desde o primeiro día de competición transmitía ese obxectivo claro que era ascender a Primeira División. Estiveron moi preto, por momentos mereceu de longo levar ese premio do ascenso. É un equipo feito a base dunha personalidade moi clara de ter o balón. Desde os anos que estivo en Primeira tiña unha personalidade moi clara do que quere propoñer. E soubo contratar ao longo dos anos a corpos técnicos que teñan a mesma idea ou proposta do Club senón que ademais soubo facer un proxecto forte, a base de ter futbolistas que á parte do talento individual falan o mesmo idioma".

Lembra que os partidos de liga (0-1 en Granada o 15 de xaneiro e 2-2 en Abegondo o 1 de abril) "foron moi bonitos e agora véñennos dous partidos súper atractivos ante un equipo cun talento individual e colectivo que seguro que nos vai a facer gozar".

Esta tarde, As Nosas realizaron unha última sesión de traballo en Abegondo, centrada sobre todo nas accións a balón parado.

Ao concluír, a expedición deportivista puxo rumbo a Granada, con esta folla de ruta.

Venres 2 de xuño
16:00: Adestramento en Abegondo
19:55: Saída do avión de Santiago con destino ao Aeroporto de Málaga
21:25 (horario aproximado): Chegada ao Aeroporto de Málaga e viaxe en autocar a Granada
23:00 (horario aproximado): Chegada ao Gran Hotel Luna de Granada

Sábado 3 de xuño
20:00: Granada CF - Deportivo ABANCA, no Estadio Nuevo Los Cármenes
Ao concluír, aloxamento no Gran Hotel Luna de Granada

Domingo 4 de xuño
15:05: Saída do voo do Aeroporto de Málaga con destino Santiago
16:45 (horario aproximado): Chegada a Galicia

A volta xogarase o vindeiro sábado 10 de xuño a partir das 12:00 h. na Cidade Deportiva de Abegondo. A este respecto, a adestradora deportivista confesa que "a min como adestradora tamén me fai moita ilusión poder xogar nun campo como ABANCA-RIAZOR. Pero logo acougas, pensas fríamente. O Club púxonos á nosa disposición calquera das opcións. Foi máis unha decisión deportiva. Fixémonos fortes en Abegondo durante toda a temporada. Se tivésemos unha experiencia previa alí probablemente reformulariámonolo pero non tivemos ningunha. O máis importante é que o equipo suba a Primeira División e aí temos que mirar cales son os nosos puntos fortes. Está claro que un dos alicerces máis fortes foi Abegondo, onde as xogadoras se sentiron máis cómodas, onde sacamos bos números e onde a sensación de arroupo vai ser moito maior".