RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor arrincou esta mañá en Abegondo un mes de xaneiro moi ilusionante

Co primeiro adestramento do ano 2024 esta mañá en Abegondo, o Dépor arrincou un mes de xaneiro, segundo apuntou Salva Sevilla en rolda de prensa, "moi ilusionante".

O veterano centrocampista branquiazul subliña que "veñen partidos decisivos, moi importantes, contra rivais de arriba", por exemplo o deste xoves 4 de xaneiro ás 19:00 en ABANCA-RIAZOR ante a Real Sociedad B (TVG-2 e FEF TV).

A continuación esperan quenda a Cultural Leonesa (domingo 14), SD Ponferradina (domingo 21) e Celta Fortuna (domingo 28).

O futbolista andaluz, que opina que estes días de parón do Nadal "veñen moi ben para descansar, para cargar pilas outra vez e afrontar o que vén, que é moi interesante", recalca que o Dépor atópase ante "partidos decisivos".

Por conseguinte, Salva Sevilla cre que o equipo debe afrontar as citas ligueiras deste mes de xaneiro "coma se fosen finais".

Nesta primeira sesión do 2024, marcada polo forte vento e a choiva intensa na Cidade Deportiva, Imanol Idiakez dispuxo dunha activación con rondos no campo 2 e un partido táctico no 3.

Adestráronse á marxe do grupo Jaime e Barbero; ademais de Martín Ochoa e Retuerta, en repouso deportivo.

Preguntado na sala de prensa, Salva Sevilla indicou sobre Barbero que "falamos moito con el, estamos con el en todo momento. Sabemos que o pasou moi mal, unha lesión complicada. Está preto de estar connosco, vainos a vir moi ben, un dianteiro doutras características ao que botamos en falta nalgúns momentos da temporada. Estamos con moitas ganas de que se recupere e estea connosco canto antes".

Pola súa banda, Mella, Rubén, Jairo e Iano Simão foron os representantes de #ANOSACANTEIRA. Kevin Sánchez, enfermo, quedou no seu domicilio.

Mañá mércores 3 de xaneiro, o Dépor realizará o último adestramento previo ao partido a partir das 11:00 en Abegondo.

GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK